A mocidade tutelada poderá emanciparse cunha axuda ao alugueiro

Cúmprese unha medida que en Igaxes reclamamos desde a presentación do Plan Galego de Vivenda en 2018

13 xaneiro 2020 | Pasaron a súa infancia en centros. Cando cumpren os 18 non teñen unha familia á que volver. A súa emancipación é un salto sen rede. Pero de agora en diante ese salto será un pouco máis seguro.

As mozas e mozos tutelados de Galicia serán colectivo beneficiario do Bono de Alugueiro Social. Poderán percibir ata 225€ mensuais ou o 50% da renda de alugueiro, renovable ata tres anos. Así o ratificaron o 31 de decembro os departamentos de Vivenda e de Política Social da Xunta de Galicia.

Desde Igaxes celebramos a implantación unha medida longo tempo agardada. Así a vimos reclamando desde abril de 2018, cando a trasladamos vía petición formal ao Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A petición foi entón desestimada. Por iso iniciamos unha campaña para que se garantise o dereito á vivenda de toda a mocidade ex tutelada.

Pedimos máis garantías para ex tutelados sen ningún ingreso

Esta modificación é un paso imprescindible para que os rapaces e rapazas sen apoio familiar poidan levar adiante o seu proxecto de vida. Pero é necesario dar máis pasos.

O seu futuro segue a estar en perigo pola alta precariedade laboral. Se non conseguen un emprego e mantelo, non teñen a quen pedirlle axuda. Desde Igaxes seguimos pedindo máis garantías para estas mozas e mozos. Por iso continuamos solicitando: 

– Que se faga unha reserva do parque de vivenda pública (Rede de Vivendas de Inserción de Galicia) para o acceso directo e gratuíto das mozas e mozos ex tutelados que non teñan ingresos suficientes para afrontar os gastos dunha vivenda; 

– que, se a súa situación non mellora, a duración desa estadía sexa dun mínimo de 2 anos con opción de prórroga.

Firma a petición

Dilles aos representantes políticos que non os deixen desprotexidos: ningunha moza e ningún mozo sen familia vivindo na rúa.

QUERO FIRMAR
Igaxes. Cambia su vida

Cambia a súa vida

Únete a igaxes para cambiar a vida de miles de nenas, nenos e mozos.

Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.