Falar sobre sexualidade e igualdade nas escolas é fundamental para que todos os nenos e nenas poidan desenvolver as súas relacións plenamente
Cremos nun modelo que inclúa a Educación Afectivo Sexual como materia no currículum escolar dende Primaria para garantir dereitos e loitar contra os estereotipos de xénero.
“Aínda hai xente que xulga ás mulleres por facer o que queiran”. “Séguese fomentando que os homes non choren”. “Se che din que non, non se pode insistir”. Estas son algunhas reflexións dun grupo de mozos e mozas adolescentes ao falar de sexualidade e relacións.
Aos 14 anos, a maioría dos adolescentes homes xa ven pornografía en internet. O consumo destes contidos vexatorios e machistas inflúen na maneira que teñen de relacionarse. Ademais, o 79% da poboación entre 16 e 29 asegura non ter recibido unha educación sexual satisfactoria. Por iso, é fundamental que nas escolas se fale de sexualidade abertamente para resolver dúbidas, romper tabús e interiorizar valores.
Queremos unha Educación Afectivo Sexual que poña o foco na igualdade de xénero e no respecto a todas as identidades e orientacións. Tamén é fundamental fomentar o pensamento crítico e traballar no desenvolvemento dos afectos.
Por iso, estamos en escolas das comarcas de Santiago e Pontevedra. A educación sexual é a base para que os nenos e nenas poidan expresar os seus sentimemtos e emocións e constuír relacións libres de violencia.
Contigo podemos darlles a protección e a educación que necesitan. Xuntos faremos posible que sexan de maiores o que soñan ser.