09 Feb “Soños”: a obra de teatro que busca desestigmatizar á mocidade tutelada
En 2020 había case 2.000 menores tutelados en Galicia. 650 estaban en situación de garda, 1.200 en acollemento familiar e outros tantos (1.200 máis) en acollemento residencial. É dicir, máis de 6.000 nenos e nenas estaban afectados por esta situación.
Os prexuízos cara aos mozos e mozas en situación de tutela aínda persisten en moitos ámbitos da sociedade. Delincuencia ou comportamentos agresivos son estigmas inxustos. Etiquetan a adolescentes, nenos e nenas que simplemente tiveron que vivir unha situación máis difícil. Estes estigmas engaden máis peso á desigualdade social que xa padecen os rapaces e rapazas.
En Igaxes levamos anos traballando na desestigmatización. Campañas como #NonNosXulgues, #AmochilaQueMáisPesa ou #Resalire, amosan o grande esforzo que dende a entidade estamos a facer para desmontar estes prexuízos que tanto dañan. Este ano, no que ademáis se cumpren 25 anos da creación do Programa Mentor, aliámonos co mundo do teatro para abrir as portas dunha vivenda tutelada. Queremos camiñar cara a empatía dos espectadores e achegarmos ao maior número de persoas posibles.
“Soños”, unha coprodución de Igaxes e das produtoras Artefeito e Culturactiva, está escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tamara Canosa. Anxo Outumuro e Sara Ferro darán vida a dous rapaces da vivenda. Estarán acompañados en escena pola súa educadora, interpretada por Victoria Pérez. Durante a representación, permitirannos entrar nunha vivenda do Programa Mentor e tamén nos soños dos e das rapazas. Uns soños moi similares aos do resto de adolescentes da súa idade… Ou non?