25 Abr Dicimos “Stop Odio” con Brais Méndez
Comezamos unha campaña moi ilusionante acompañados por Brais Méndez e o Concello de Nigrán, para loitar contra os discursos de odio, antesala dos delitos de odio, no deporte e na sociedade no seu conxunto. Queremos dicir que xa basta de enfrontamentos, que loitamos por unha sociedade máis xusta e igual. Queremos dicir #StopOdio!
Segundo os datos do Ministerio de Interior, en España denunciáronse sete delitos de odio ao día, un aumento do 30% respecto ao ano anterior. Os delitos por racismo e xenofobia son os máis numerosos e representan o 43,5% do total das denuncias. As e os menores de idade constitúen o 12,1% do total de vítimas. Para as mozas e mozos en risco de exclusión, estes discursos son un problema engadido na súa transición á vida adulta, dificultándolles, en moitos casos, o acceso a un emprego ou a unha vivenda.
A campaña #StopOdio céntrase no poder de diálogo do deporte e a educación para promover a inclusión. Con este obxectivo unímonos a unha figura moi recoñecida do fútbol de primeira división: Brais Méndez, xogador da Real Sociedad, que coñece en primeira persoa o que é padecer insultos e violencia. Brais é un profesional comprometido coa diversidade e a inclusión, coa infancia e cun deporte exemplar. Nun marco de repercusión social tan extraordinaria como o fútbol profesional, seguimos asistindo periodicamente a situacións que atacan frontalmente á defensa dos dereitos humanos, por iso é tan importante que dende o fútbol parta esta resposta.
QUE É STOP ODIO?
- Unha serie de conversas entre Brais Méndez e persoeiros destacados da cultura e o deporte, para debater sobre a permeabilidade dos discursos de odio na sociedade e como facerlles fronte.
- Obradoiros en centros educativos e clubes deportivos de Nigrán e comarca para concienciar sobre esta lacra aos máis novos.
- Un torneo de fútbol praia en Nigrán os días 15 e 16 de xuño para promover o xogo limpo, o compañeirismo e a deportividade.