Como percibe a xuventude a migración?

España e Galicia son lugares cada día máis diversos, e iso debería ser motivo de celebración. Os nosos círculos máis próximos, os contidos que consumimos nas redes e no audiovisual, os ambientes de traballo ou de estudo vanse ampliando en favor dunha sociedade máis plural. Pero onde medra a diversidade, medran tamén os discursos de odio contra o diferente, algo especialmente preocupante entre a xuventude cando falamos das persoas migrantes e racializadas.

Gran parte das mozas e mozos de España perciben a migración como algo positivo, que favorece o crecemento económico, a pluralidade cultural e o aumento da natalidade. Pero hai cifras que aínda debemos mudar. A un 18,5% dos rapaces e rapazas non lles gustaría ter de veciña a unha persoa racializada. Un 21% non querería ter unha parella estranxeira*. Hai unha porcentaxe, baixa, pero importante, de persoas que senten algún tipo de rexeitamento cara as persoas migrantes, o que amosa a necesidade de redoblar os esforzos ante a intolerancia e o descoñecemento.

As vivendas Mentor son un exemplo de integración, nas que se traballa diariamente a prol da convivencia e para construír un futuro en común. Nelas comparten espazo, tempo e vivencias mozas e mozos de orixes moi diferentes, reflectindo a diversidade propia da sociedade galega do século XXI. Unha diversidade en termos de raza, sexo, clase… que nos axuda a construír unha sociedade máis xusta.

Por iso coñecer é o primeiro paso para respectar. Moita da intolerancia da que nos falan eses datos está motivada, non tanto pola migración, senón por motivos de clase e posición social, moito máis complexa de erradicar. A conclusión é que a percepción da migración por parte da xuventude española está chea de contradicións. Debemos aproveitar esas contradicións para xerar preguntas, curiosidade e ganas de coñecer ás persoas máis alá do noso círculo máis próximo.

Programa cofinanciado polo FSE+Galicia

*Datos: Alianza por la solidaridad y Fundación Alternativas

Foto: Agostiño Iglesias