Aberto ata o 9 de setembro o prazo de preinscrición no VI Máster en Emancipación de Mozos en Conflito Social

Santiago, 1 de setembro de 2016 – O programa de formación de especialistas que organizan a USC e Igaxes3 mantén aberto ata o 9 de setembro o seu prazo para solicitude de admisión. Logo de cinco edicións e de acadar unha taxa de inserción do 60%, o Máster inclúe novamente tres meses de prácticas en recursos residenciais e mantén a súa bolsa de emprego con sete contratos de traballo ao cabo do curso.

O Máster Propio en Intervención e Emancipación de Mozos en Conflito Social está orientado a preparar para o acompañamento e o fomento da autonomía de mozos e mozas tutelados, ex tutelados, en garda, con medidas xudiciais e con risco de fracaso e abandono escolares. O alumnado tamén aprenderá a xestionar recursos residenciais de apoio á independencia e adquirirá un amplo coñecemento do sistema galego de protección e reforma de menores.

De acordo co estudo que Igaxes3 vén de realizar entre o alumnado egresado, un 60% das alumnas e alumnos que cursaron o Máster nalgunha das súas cinco edicións está traballando actualmente, e un 40% faino ademais nalgunha entidade ou institución do sector social.

O Máster manterá neste novo curso a súa bolsa de emprego, con sete contratos de traballo ao remate dos estudos. Antes diso, o alumnado tamén completará un período de entre tres e catro meses de prácticas en proxectos reais de apoio á independencia.

Ofertaranse prazas de prácticas en vivendas de autonomía, en coordinación de programas e mais en proxectos de intervención en centros de ensino para a prevención do fracaso escolar. Todas as persoas interesadas poden solicitar a súa praza ata o 9 de setembro no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, localizado no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter