Unha vivenda de autonomía para “agarimar o último paso” antes da vida independente

Pontevedra, 4 de febreiro de 2016 – Aquí vivimos e así convivimos. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, visitou onte as mozas e mozos residentes da vivenda tutelada do Programa Mentor en Pontevedra. Elas e eles exerceron de anfitrións e contaron en primeira persoa como organizan o seu día a día no recurso, ao tempo que se preparan para o seu tránsito á vida independente. Durante a visita, Rey Varela estivo acompañado pola Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez; o presidente de Igaxes3, Luís Barreiro, e o director da entidade, Carlos Rosón.

En Igaxes3 levamos desde 2005 xestionando o Programa Mentor, mediante un contrato de xestión de servizos públicos promovido pola Consellería de Política Social no exercicio das súas competencias en materia de protección de menores, que conta con financiación do Fondo Social Europeo. Este servizo residencial está dirixido a aqueles rapaces e rapazas de entre 16 e 21 anos (se é necesario, mesmo ata os 25) que carecen de apoio familiar e se atopan baixo a tutela da administración pública, ou ben no proceso de cumprir unha medida xudicial.

A día de hoxe residen tres mozas e un mozo nesta vivenda tutelada de Pontevedra, un recurso de case 300 metros cadrados que leva en funcionamento desde 2008. O grupo de residentes, contando sempre co apoio do equipo educativo -formado por catro profesionais- organiza de forma autónoma e equitativa todo o relacionado coa convivencia diaria. Mentres continúan formándose e preparándose para o acceso ao mundo do traballo, as rapazas e os rapaces van incorporando as habilidades persoais e sociais necesarias para a vida independente que están próximos a comezar.

Ademais deste recurso, que conta con espazo para oito prazas, no Programa Mentor contamos con outras oito vivendas espalladas polas catro provincias. “É importante agarimar o último paso, a saída do sistema de protección, intentando garantir un non retorno á situación de risco de exclusión social”, declarou o conselleiro. “O Programa Mentor amosa o compromiso de Galicia coas persoas novas que están en procesos de tutela e precisan unha especial atención”.

Máis de 500 mozos e mozas cada ano

O Programa Mentor, considerado como boa práctica de inclusión social pola Unión Europea, naceu en Galicia en 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores en situación de tutela. Co tempo foron medrando o número de persoas beneficiarias e os seus obxectivos, ata converterse agora nun programa integral de capacitación para a vida independente de cada moza e mozo, tanto laboral como social. No ano 2015 participaron no programa 513 mozos e mozas, dos que 72 residiron en recursos residenciais.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter