Seis vías para a inclusión social da xuventude

Santiago, 25 de marzo de 2015 – Non é secreto ningún: a meirande parte da nosa xuventude está a bater cun presente incerto e falto de oportunidades. O caso máis frecuente é que ou mozo ou moza menor de 30 anos non teña emprego, ou que este sexa tan precario que non permita deixar a casa familiar e vivir por fin de xeito independente. Para aqueles mozos especialmente vulnerables que carecen de formación e recursos, a situación pode virar dramática. Por iso desde a Federación Jóvenes e Inclusión propoñemos un modelo integral de apoio á xuventude. Un modelo con seis grandes medidas.

A Federación Jóvenes e Inclusión naceu para darlle unha resposta aos apremiantes problemas que afectan á mocidade, especialmente a máis vulnerable. A forma de conseguilo é combinar a metodoloxía e os máis de 15 anos de experiencia de entidades especializadas no apoio á xuventude, xunto ao coñecemento aportado por cinco universidades.

O presidente da Federación e director de Igaxes3, Carlos Rosón, estivo esta semana en Palma de Mallorca e anteriormente en Granada para trasladar a aposta da Federación: un modelo integral para traballar a inclusión social da xuventude dun xeito eficaz e adaptado á realidade.

Velaquí os seis eixes centrais desa aposta.

1. Un modelo común e integral

Un mozo residente en Canarias ou Andalucía non goza das mesmas oportunidades para encontrar un traballo que outro de Baleares ou Cataluña. E non todas as comunidades contan con programas específicos para estimular a súa autonomía persoal, promover o seu éxito escolar ou facilitarlle o acceso ao mundo do traballo.

A Federación aglutina entidades de Andalucía, Aragón, Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Galicia e Madrid. A nosa vocación é abranguer todo o territorio estatal para crear un estándar de intervención e un coñecemento común para mellorar os nosos programas dirixidos á mocidade.

2. Atención dos 12 aos 25 anos

A autonomía persoal é algo moi complexo que necesita cultivarse desde a pre adolescencia. Desde a Federación apostamos por comezar a traballar xa desde os 12 anos de idade. É así que cada vez máis mozos e mozas chegarán a ser autónomos de forma certa, formaranse mellor, gañarán en madurez e adestrarán habilidades para o emprego e a vida independente.

Con todo, a falta de oportunidades laborais impide que moitos logren emanciparse dunha forma segura e estable: oito de cada 10 menores de 30 anos segue vivindo na casa familiar, en datos do Consejo de la Juventud de España. Por iso é preciso ampliar a oferta de programas de apoio polo menos ata os 25 anos. Diso depende a inclusión social de milleiros de rapaces e rapazas.

3. Prevención do fracaso escolar

A taxa española de abandono escolar prematuro é do 23,5%, e do 20% en Galicia. Entre o alumnado en risco de exclusión social, as probabilidades de fracaso aumentan dramaticamente. Entre as mozas e mozos tutelados, por exemplo, dispárase ata o 80% a porcentaxe dos que non rematan o E.S.O.

O fracaso escolar é adoito a antesala da exclusión social. Adiantando a idade de intervención aos 12 anos podemos dedicar accións concretas para previr o abandono prematuro dos estudos. E manténdoa ata os 25, lograremos que moitos deles continúen formándose. No caso da mocidade tutelada, mesmo que medre o número, hoxe exiguo, dos que cursan estudos superiores.

4. Recuperación do vínculo familiar

O tipo de relación que mantén un mozo ou moza coa súa familia ten consecuencias decisivas no seu desenvolvemento emocional. Aínda que se producise no pasado unha ruptura ou desaxuste do vínculo familiar, en moitos casos é posible resolver o conflito e recuperar unha parentalidade positiva. É esencial traballar coa familia para que esta sexa un referente de estabilidade para o mozo ou moza. Mesmo para recuperar a vida en común, se fose posible.

5. Apoio á inserción laboral

Máis da metade da poboación entre 16 e 30 anos non ten traballo. Ante esta situación é imprescindible contar con profesionais dedicados aos mozos e mozas para adestrar habilidades para o emprego; ofrecer formación adaptada ao mercado de traballo; servir de guía para o emprendemento; e crear vínculos coas empresas, coa mirada posta na contratación e na formación profesional.

6. Aposta pola mentoría social

O modelo de intervención no que cremos é integral porque vai alén do traballo profesional. Os proxectos de mentoría social melloran a autonomía e a estima propia dos rapaces e amplían a súa rede social. Nun proxecto de mentoría, o voluntario mentor é unha figura de máis idade, capaz de prestarlle apoio emocional a un mozo ou moza que o necesita. Ou de ofrecerlle un consello que oriente a súa vida. Ou, simplemente, de poñerse ao seu dispor para iniciar una relación de confianza.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter