Red Jóvenes e Inclusión celebrará en Santiago o seu primeiro encontro internacional

Santiago, 30 de xuño de 2015 – O modelo social europeo estará en risco permanente se non se constrúe de forma inclusiva para a xuventude máis vulnerable. Así o entendemos as entidades e universidades que formamos a rede estatal Jóvenes e Inclusión. Por iso os días 8 e 9 de setembro buscaremos en Santiago novas solucións para a incorporación social plena dunha mocidade especialmente castigada pola crise no sur de Europa. Un evento no que a participación dos propios mozos e mozas será eixe fundamental.

Malia mostrar unha tendencia á baixa nos últimos anos, o desemprego segue afectando a máis da metade da poboación xuvenil. Entre aqueles mozos e mozas que si teñen traballo, o habitual é que os baixos salarios e a temporalidade fagan imposible comprar ou alugar unha vivenda propia. Como consecuencia, oito de cada 10 galegos e galegas menores de 30 anos (o 80,3%) aínda seguen vivindo na casa familiar.

Pero este clima tan desfavorable faise case dramático no caso da mocidade que afronta, polas súas circunstancias e as das súas familias, unha situación de risco social. Rapazas e rapaces sen apenas apoio, formación ou recursos, que se ven cada vez máis distanciados dunha realidade social e laboral que parece non telos en conta.

Os días 8 e 9 de setembro citarémonos en Santiago para reflexionar sobre todos estes datos. E, sobre todo, sobre as solucións que como sociedade podemos poñer en marcha para conseguir que a poboación moza en xeral, e os mozos en dificultade social en particular, teñan máis vías para exerceren a súa cidadanía activa e seren participantes certos da realidade da que forman parte.

Na Cidade da Cultura celebraremos o I Encontro Internacional Jóvenes e Inclusión, que leva por título “Xuventude en risco, un risco para Europa”. Organizado pola rede estatal Jóvenes e Inclusión, da que formamos parte unha ducia de universidades e ONGs, o congreso reunirá voces europeas expertas en materia de xuventude e inclusión social, educación, emprego, políticas públicas, movementos cívicos e medios de comunicación.

Pero, ante todo, contaremos coa voz de quen máis teñen que dicir: os propios mozos e mozas. Por iso haberá mesas de diálogo nas que os protagonistas serán Jose, Xavier, Ibrahim… Algúns dos nosos mozos ex tutelados, que partiron dunha situación de desamparo ou de risco social e que lograron saír adiante. E que o lograron sen contaren con ningún apoio familiar e coa obriga de daren o salto á vida independente nada máis cumpriren os 18 anos.

Antes de deseñar calquera política de apoio á xuventude, e para sermos unha sociedade cada vez máis inclusiva cos nosos nenos, nenas e mozos, é imprescindible crear espazos para escoitar o que eles mesmos teñen que dicir. Que necesitan? Que reivindican? Quen son?

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter