Oficina de atención ao inmigrante e emigrante retornado – Mos

Data inicio: 1 setembro 2006.
Ámbito: Concello de Mos
Participan: Igaxes. Secretaría Xeral de Inmigración da Xunta de Galicia. Concello de Mos

A Oficina de Atención ao Inmigrante é un programa iniciado no ano 2006 que IGAXES3 leva desenvolvendo durante tres anos no Concello de Mos, co obxectivo de complementar e cooperar cos servizos municipais que xa están a intervir. Durante este tempo realizáronse diversos traballos como o Estudo sobre a situación social e necesidades formativas das mulleres inmigrantes extracomunitarias residentes no Concello de Mos. Realizouse unha intervención cunha poboación de aproximadamente 80 persoas.

Entre os obxectivos desta oficina figuran:

  • Contribuír ao acceso dos inmigrantes no mercado de traballo e facilitar a súa integración social.
  • Profundar no coñecemento de problemas e necesidades concretas dos inmigrantes.
  • Determinar as necesidades coas que se encontran as institucións de apoio ao inmigrante.
  • Promover o uso do portal web e o curso de formación, ao mesmo tempo que se ensina unha nova ferramenta de aprendizaxe doutras linguas ou idiomas e o seu manexo e utilidade.

Programa de Promocion Cívica e Intercultural

Galicia pasou de ser unha comunidade principalmente emigrante a converterse nunha comunidade receptora de diferentes culturas. Este cambio na traxectoria dos movementos migratorios leva un cambio no contorno e na sociedade na que se está a desenvolver a mocidade, compartindo espazos de convivencia con outros mozos de moi distintas nacionalidades e, por tanto, culturas. Aínda que isto é un valor engadido á súa educación, é necesario traballar en moitos casos a prevención de situacións de conflito que se poidan chegar a dar.

Os obxectivos do programa son os seguintes:

  • Sensibilizar a infancia sobre a problemática que está sufrindo a poboación inmigrante.
  • Familiarizarse con outras culturas coas que convivimos.
  • Potenciar hábitos reflexivos e de pensamento crítico entre o alumnado.
  • Xerar unha dinámica integradora e intercultural na cidadanía.

Para conseguir estes obxectivos desenvolvéronse diversas actividades dentro dos centros de primaria e secundaria do concello de Mos, como talleres multiculturais de coñecementos das distintas culturas coas que conviven, conta contos, etc.

Xornadas de difusión Linguasnet

Cada vez hai máis portais de cursos de idiomas por internet, aínda que moitas veces a calidade deixa bastante que desexar. Non é o caso de Linguasnet, un portal realizado en cooperación por institucións de Mos e doutros países europeos patrocinado polo programa Leonardo da UE, destinado a proporcionar uns cursos de idiomas sinxelos (o nivel é de iniciación e céntrase nas habilidades orais) para inmigrantes.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter