PROGRAMA ALEIDA

Data de Inicio: curso 2009-2010
Ámbito: Concellos de Santiago de Compostela, Ames, Oroso e Poio
Financian: Igaxes3. Obra Social “laCaixa”. IES O Milladoiro (Ames). Concello de Oroso. Concello de Poio

Tres de cada catro mozas e mozos dos que acompañamos no Programa Mentor abandonaron os estudos prematuramente. Á hora de procuraren traballo, todos deben afrontar as dificultades asociadas á súa falta de formación.

A nosa experiencia dinos que o abandono prematuro da escola é a antesala da exclusión social. Equivale a pechar moitas das portas dunha vida digna e independente.

Desde o Programa Aleida para a promoción do éxito escolar traballamos dentro e fóra das aulas cunha meta principal: que aqueles mozos e mozas que perderon a motivación, ou que padecen algún conflito na escola, volvan encontrar razóns para seguiren formándose. Ben no ensino regrado, ou ben en programas alternativos de formación profesional.

Dentro das aulas, o equipo Aleida realiza actividades en grupo que se adaptan ás necesidades do centro. Despois traballamos individualmente co alumnado que precise dunha atención máis concreta. E durante o horario non lectivo valémonos da nosa Escola da Vida, un centro de día onde traballamos con mozos e mozas con problemas especiais de adaptación ao mundo escolar.

O éxito escolar comeza a cultivarse na casa e aséntase nun clima familiar positivo. Por iso tamén contamos cun Programa de Competencia Familiar para axudarmos ás familias con fillos e fillas adolescentes a melloraren a súa relación e a crear un clima familiar cada vez máis valioso e protector.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter