Programa de inserción sociolaboral para persoas sen fogar

Esta iniciativa, da que desenvolvemos a súa 2ª edición en 2016, está dirixida á inserción ou reinserción socio laboral de persoas que se atopan en risco de exclusión social severa. A meta é que cada persoa poida recuperar recursos e ferramentas persoais e habilidades sociais para o emprego, para así axeitalas á situación do mercado laboral actual.

A acción está pensada para aquelas persoas que non poden acceder ou conservar un aloxamento permanente e que permita manter un marco estable de convivencia, ben por razóns económicas, ben por barreiras sociais, ou ben por dificultades persoais para levar unha vida autónoma.

Cada persoa conta co seu propio proxecto individual, que se complementa con procesos de intervención en grupo. Ademais de contaren cun currículo actualizado e de manexaren o seu perfil persoal nos principais servizos de emprego en liña, as persoas participantes poden desenvolver as habilidades necesarias para afrontaren un proceso de selección con éxito.

O proxecto forma parte do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, dentro do seu obxectivo nº 9, o de “promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”. Está co financiado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, mediante subvención convocada a través da Orde do 26 de abril de 2016 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter