Programa Artesa

Unha artesa é un recipiente tradicional, normalmente de madeira, no que se mesturan a fariña e demais ingredientes para facer masa de pan. É na artesa onde comeza o proceso de elaboración. Logo do amasado, o molete queda listo para meter no forno, onde se vai cociñando aos poucos.

O Programa Artesa, que Igaxes3 e Fundación Trébol poñen en marcha en 2012, está concibido da mesma maneira. Trátase dunha iniciativa de voluntariado corporativo pola que un empresario ou traballador asesora en materia laboral a un grupo de mozos e mozas tutelados. E faino mediante encontros periódicos e nas propias instalacións da empresa. Dentro do proceso de inserción laboral dos rapaces, estes encontros son a artesa na que se mesturan os ingredientes que, máis tarde, comezarán a cociñarse a partir da primeira experiencia laboral.

Igaxes3 mantén convenios de colaboración con distintas empresas e asociacións empresariais de toda Galicia, orientados á inserción laboral dos mozos en dificultade social. Partindo desta liña de colaboración, a organización ofrécelles a estas empresas a posibilidade de participar nesta iniciativa de voluntariado e así ampliar as súas liñas de responsabilidade social empresarial.

A iniciativa quere contar coa colaboración dos empresarios e empresarias e, ao mesmo tempo, recoñecer o seu labor: eles serán o punto de referencia dos mozos e mozas tutelados en todo o relacionado co mundo do traballo e a cultura da empresa. Grazas á súa participación, os rapaces teñen a oportunidade de familiarizarse co ámbito laboral ao que están próximos a acceder.

Trátase, ao cabo, de converter o mundo do traballo nun terreo cada vez máis familiar para os rapaces. Ao deixaren de velo como un ámbito alleo e familiarizárense con el, os mozos e mozas poden prepararse para o seu salto ao mercado laboral con maior seguridade e confianza.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter