MENTORÍA ENTRE IGUAIS

Desde 2009, Igaxes3 desenvolve un proxecto de apoio ao programa Mentor que ten a súa base nas relacións que, no ámbito socioeducativo, reciben o nome de “peer mentoring” ou “mentoría entre iguais”. Consiste nun modelo de relación un a un, no cal un mozo maior exerce de tutor dun mozo de menor idade, compartindo con este a súa experiencia e valores e servíndolle de apoio nunha etapa complexa da súa vida.

Nesta experiencia concreta, o papel de tutores ou referentes correspóndelle aos propios mozos ex tutelados que, no seu día, participaron no programa Mentor. Rapaces e rapazas xa adultos que residiron durante un tempo nas vivendas de autonomía de Igaxes3 e hoxe viven finalmente emancipados.

Mediante encontros periódicos, os nosos mozos aínda tutelados teñen a oportunidade de aprender das experiencias deses outros compañeiros maiores que hoxe voan sós. Así, o mozo menor encontra no maior unha persoa que empatiza con el ao máximo, xa que tivo unha traxectoria vital moi parecida: enfrontouse a adversidades similares e cumpriu os obxectivos que o mozo tutelado, neste momento, está traballando para lograr. Por iso é para el un semellante e un referente ao mesmo tempo.

Aprender o significado de ser realmente autónomo, perder o medo a tomar decisións, adoptar unha actitude activa ante a vida… Ao longo da súa etapa de institucionalizacion, os mozos e mozas sen apoio familiar aprenden a asimilar ideas coma estas. Pero escoitalas na voz dun compañeiro ex tutelado, alguén con quen teñen tanto en común, ten sempre un valor especial.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter