CONSTRUÍNDO FUTUROS

Data de Inicio: setembro 2016
Ámbito: Santiago de Compostela
Financian: Red Solidaria Bankia 2016

A idade media de emancipación en Galicia son os 29 anos. As elevadas taxas de desemprego xuvenil e a temporalidade laboral impiden que moitas mozas e mozos inicien a súa vida independente. A falta de opcións de emancipación fai que a grande maioría da poboación moza permaneza no fogar familiar ata idades próximas á trintena.

Con todo, hai mozas e mozos que deben afrontar a súa emancipación por volta dos 18 anos. Están na obriga de emanciparse moito antes que o común da xuventude por estaren nunha situación de especial vulnerabilidade, debido á falta de respaldo familiar e doutras redes de apoio. O acceso ao emprego é indispensable para que estas mozas e mozos poidan construír o seu propio futuro.

Por iso este proxecto ten como obxectivo principal o de facilitar o acceso ao emprego de mozos e mozas entre 16 e 18 anos de Santiago de Compostela que se encontran nesta situación.

Desde o Programa Construíndo Futuros traballamos con estes mozos e mozas para o acceso ó mercado laboral mediante a mellora do seu nivel formativo e acompañamento nos procesos de busca, procesos de selección e mantemento de emprego.

Colaboramos tamén para a mellora das súas capacidades e habilidades persoais para afrontar a vida independente e buscando eliminar as barreiras económicas, sociais e motivacionais para que teñan as mesmas opcións e recursos que o resto de rapaces da súa idade.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter