COMUNICACIÓN PARA O CAMBIO

Data de Inicio: 2016
Ámbito: Galicia
Programa: “Apoio aos programas de Infancia e Xuventude da entidade” – Programas de Cooperación Xunta de Galicia. Entidades sen ánimo de lucro. Garantía Xuvenil
Financian: Xunta de Galicia. Fondo Social Europeo (Iniciativa Emprego Xuvenil)
Obxecto da subvención: Contratación dunha persoa con formación específica no eido da comunicación durante sete meses para incorporarse ao departamento de comunicación da entidade e elaborar contidos audiovisuais creativos e de sensibilización arredor da realidade da xuventude tutelada e ex tutelada en Galicia, principalmente vídeo documental e reportaxe fotográfica.

Aínda se manteñen na nosa cultura certos prexuízos sociais que estigmatizan os mozos e mozas tutelados como persoas inadaptadas ou conflitivas. Seguen a ser vistos decote como culpables, en vez de vítimas dunha situación de desprotección da que non foron responsables. Cando chega o momento de daren o salto á vida independente, estas mozas e mozos non só teñen que enfrontarse á vida adulta sen o apoio dunha familia, senón tamén ás dificultades asociadas a este estigma.

Por este motivo, ademais de acompañarmos a estes mozos e mozas durante o seu camiño de cambio, tamén debemos transformar a conciencia social para mitigar o efecto dos estereotipos negativos. Iso permitiranos crear nos nosos lugares de convivencia un clima cada vez máis inclusivo e protector para eles e elas.

Valéndonos das ferramentas da información e a comunicación, creamos iniciativas e contidos para divulgar a realidade diaria da mocidade sen apoio familiar. E entendemos estes procesos como unha vía máis para o empoderamento das mozas e os mozos desde a experiencia creativa e partindo sempre da súa participación e protagonismo. Explorando novos espazos de expresión fortalécense a estima propia e a autonomía persoal, dúas das claves do proceso de preparación para a vida independente.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter