CASA VALVERDE

O centro Casa Valverde para a Atención Sociolaboral de Mozos e Mozas é un edificio palaciano rehabilitado e pensado para a formación e a educación de persoas en situación de desemprego ou vulnerabilidade. Dependente da Consellería de Traballo e Benestar, o centro conta cunha residencia tutelada de oito prazas dentro das propias dependencias do edificio. Esta vivenda está xestionada por Igaxes3 desde a súa posta en marcha en 2011.

O centro está situado na aldea de Requeixo de Valverde (Allariz, Ourense). Consta dun edificio nobre, onde se encontra a vivenda tutelada ou RAI (Recurso de Apoio á Inserción), e dous anexos que albergan as instalacións destinadas á formación. Dos distintos cursos que neles se imparten benefícianse tanto os mozos residentes no RAI como outras persoas en proceso de procura de emprego ou con dificultades para acceder a el.

Dentro da vivenda, un equipo de educadores traballa a carón dos mozos e mozas estimulando a súa capacitación e empoderamento persoais. Ao tempo, o equipo de técnicos de inserción complementa estes procesos prestándolles apoio aos rapaces no relativo á formación e á obtención dun posto de traballo.

Grazas á integración da vivenda no centro formativo, os mozos e mozas residentes no RAI de Valverde poden mellorar a súa formación específica en diversos ámbitos profesionais, en paralelo ao proceso educativo do que eles mesmos son protagonistas. Nos dous primeiros anos de existencia do proxecto, cada un dos grupos residentes completou dous cursos AFD: Operacións Básicas de Cociña e Servizos Básicos de Restaurante e Bar.

Esta formación ábrelles as portas para realizaren prácticas en empresas e, posteriormente, acceder a un posto de traballo que lles permita emanciparse. Os convenios de colaboración que Igaxes3 mantén con diversas entidades e asociacións empresariais da provincia de Ourense facilitan que este proceso chegue a termo.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter