Apoio a persoas sen fogar

En maio de 2011 puxemos en marcha o Proxecto Formativo e de Apoio Persoal para Usuarios/as da Cociña Económica de Santiago de Compostela, unha iniciativa financiada pola Fundación Cociña Económica. O proxecto xorde para tentar paliar a problemática das persoas sen fogar na cidade, que presenta unha tendencia á alza nos últimos anos.

As carencias principais ás que se enfrontan as persoas sen fogar, ou persoas en situación de exclusión social, son a falta de redes sociais no seu ámbito xeográfico habitual; a soidade; a falta de estima propia; a incomprensión por parte da sociedade e a invisibilidade que sofren. Esta incomprensión constátase na continua estigmatización que as persoas en situación de exclusión social sofren a través dos medios de comunicación e parte da sociedade, que os retratan en termos que non se axustan á verdade e que tratan de forma pexorativa a realidade destas persoas.

Á luz dos datos extraídos neste tempo de experiencia, o proxecto atendeu unha media de 81 persoas usuarias ao mes, valor que foi aumentando paulatinamente durante o desenvolvemento do programa. Cómpre indicar que a media de asistencia por persoa ao comedor social é de cinco veces ao mes.

Canto ao perfil das persoas usuarias, existe un abano amplo e heteroxéneo. No centro reúnense persoas con condutas aditivas (alcol, estupefacientes, xogo…), persoas inmigrantes sen recursos, persoas con trastornos cognitivos ou psicolóxicos, etc. Todas elas teñen como nexo de unión a súa situación de exclusión social e uns recursos económicos moi baixos ou inexistentes.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter