Punto de encontro A Coruña

Ano de inicio: 2010
Ámbito: A Coruña
Financia: Igaxes3. Deputación da Coruña. Federación de Entidades con Proxectos e Pisos Asistidos (FEPA).


Na nosa sociedade existen colectivos aos cales o acceso ao mercado laboral lles resulta máis difícil por diversas circunstancias:

  • Por ter un menor nivel de cualificación laboral.
  • Por ter unha menor dispoñibilidade persoal para o mercado laboral.
  • Por ter dificultade para acceder a empregos que supoñan maior estabilidade e remuneración.
  • Por carecer de documentación para poder acceder ao mercado laboral.
  • Por existir unha imaxe social de limitación no ámbito laboral.

Desde IGAXES3, e por medio do programa Punto de Encontro, préstaselles unha especial atención a tres colectivos:

  • Mozos e mozas cun baixo nivel de formación, escasa experiencia laboral e que estean en situación de risco social. Este colectivo presenta as seguintes características:
    • Na maioría dos casos non terminaron os estudos obrigatorios nin realizaron despois ningún tipo de actividade formativa.
    • Presentan un importante descoñecemento do que lles ofrece o mercado laboral, tanto no que respecta a ofertas de emprego, como aos recursos e medios para facer unha procura de emprego.
    • Presentan unha importante mobilidade laboral: contratos curtos e precarios, con bastantes cambios de empresa.
    • As ofertas de emprego ás que optan adoitan ser ofertas de baixo nivel salarial.
    • A nivel persoal, moitos destes mozos e mozas non ven o emprego como algo prioritario, pois conviven coa súa familia de tal forma que os ingresos non son imprescindibles para manter o seu nivel de vida.
    • Mulleres. Este colectivo presenta estas características:
    • Un rango de idade bastante amplo e con problemáticas diferentes segundo a franxa de idade.
    • Maiores dificultades para conciliar a vida laboral e familiar que no caso dos homes.
    • Dificultades para a mobilidade laboral, xa que non poden optar aos traballos que impliquen desprazamentos e/ou flexibilidade horaria, debido ao que se coñece como a dobre xornada laboral (necesidade de realizar as tarefas da casa, xa que non existe ningún tipo de corresponsabilidade na súa unidade familiar).
    • Un menor rango de empregos aos que poder acceder, ademais estes empregos, en xeral, teñen unha menor remuneración e un menor prestixio social.
    • Unha valoración da importancia do traballo distinta á que fan os homes (ven o emprego como unha parte da súa vida, pero non como algo central).
    • Nos casos de mulleres que se reincorporan ao mercado laboral, ademais existe un notable descoñecemento dos mecanismos de busca de emprego e do que demanda o mercado laboral na actualidade.
  • Inmigrantes. Este colectivo presenta as seguintes características:
    • Nunha proporción moi importante non dispoñen de documentación que lles permita acceder ao mercado laboral ou mesmo residir legalmente en España.
    • Teñen problemas para homologar as titulacións que poidan ter nos seus países de orixe.
    • Nalgúns casos presentan dificultades idiomáticas que condicionan o seu acceso a múltiples recursos da sociedade (sanidade, educación, emprego…).
    • Optan a empregos por baixo da súa capacidade, e desenvolven un proceso de busca intenso que fai que, en moitos casos, accedan a empregos nun prazo temporal relativamente breve.
    • Presentan unha importante mobilidade laboral.

OBXECTIVOS

O obxectivo xeral que se expón neste programa é a incorporación social de persoas en risco de exclusión social, combinando a orientación laboral, formación e acompañamento, empoderando e fomentando a cidadanía destes colectivos.

En canto aos obxectivos específicos, perseguimos os seguintes:

  • Que as persoas que se incorporan a este programa se convertan en protagonistas activas do seu proceso de incorporación á sociedade, xerando elas mesmas as súas metas e os seus obxectivos, así como as estratexias precisas para alcanzalos.
  • Facilitar que as persoas que se incorporan a este programa coñezan os recursos precisos para executar unha busca de emprego.

Apoiar e facer un seguimento de todo o proceso.

Gráfico: Mozos atendidos en función do ámbito de apoio.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter