Persoas ex tuteladas de todo o mundo elaboran un decálogo de dereitos da xuventude sen apoio familiar

Santiago, 7 de novembro de 2016 – Amaro Ceruelo e Blanca Jiménez (na foto, segundo e terceira pola esquerda) son hoxe adultos independentes e hai xa varios anos que abandonaron o sistema galego de protección de menores. Como ex participantes do noso Programa Mentor, eles foron os nosos embaixadores no Encontro Internacional de Xuventude (“Be the Change”) que se celebrou en Viena o pasado verán. O evento foi parte do 33º Congreso Internacional de FICE, a Federación Internacional de Comunidades Educativas, á que Igaxes3 pertence.

Alí xuntáronse máis de medio cento de mozas e mozos ex tutelados de todo o mundo. Sexa cal for o seu país de orixe, a maioría delas e eles experimentaron a vertixe de cumprir 18 anos e ter que saír ao mundo sen o apoio que dá unha familia. Por iso son as persoas máis cualificadas para describir o que a mocidade tutelada realmente necesita cando lle chega o momento de dar o salto á vida independente.

Como avanzamos hai unhas semanas desde Jóvenes e Inclusión, un 47% dos mozos e mozas tutelados acceden á vida independente en situación de precariedade. A falta de apoio familiar é unha carencia tan importante que necesita ser compensada co apoio do sistema en moitos apartados da vida. Tanto antes como despois de deixar o sistema de protección de menores.

En Viena, Blanca e Amaro elaboraron xunto aos seus compañeiros e compañeiras un decálogo de demandas que supón toda unha declaración de dereitos. Estes son os dez estándares que calquera estado debera garantir para que a xuventude ex tutelada poida ter as mesmas oportunidades que o resto de mozos e mozas unha vez abandonado o sistema de protección:

[pica para ampliar]

Velaquí o texto que nos escribiu o propio Amaro para contarnos a experiencia en primeira persoa:
…………………………………………………………………….

Ola, son Amaro e son o cambio.

Entre o 17 e o 24 de agosto estiven en Viena con 55 mozas e mozos de 15 países de todo o mundo (Austria, Alemaña, Bosnia, Bulgaria, Hungría, Israel, Romanía, Holanda, Serbia, Brasil, Estados Unidos, Sudáfrica, Finlandia e Kenya) participando nun intercambio organizado por FICE dentro do congreso “Be the Change” (de aí vén a miña presentación).

O tema do congreso era mellorar a situación de persoas ex tuteladas de todo o mundo. Para iso varios expertos realizaron múltiples exposicións, mentres que o noso cometido era aportar a nosa visión, xa que o resto de intervencións se realizaban sen ter demasiado en conta a opinión das persoas mozas.

Desta forma, nos primeiros días o obxectivo era coñecérmonos mellor para, xa con confianza, podermos falar das nosas situacións persoais. Isto era moi importante, xa que debiamos mostrar a situación de cada país para acordarmos dez estándares internacionais e expoñelos no congreso.

O proceso foi realmente interesante. Persoalmente aprendín moitísimo de cada persoa e sorprendéronme as amizades que se forxaron en tan só unha semana falando en inglés. Mesmo traballamos incriblemente ben en equipo, todos queriamos aportar e remabamos na mesma dirección.

En definitiva, síntome orgulloso do noso traballo e agradezo profundamente que me desen a oportunidade de poder participar.

Be the change!
Amaro Ceruelo

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter