Participantes de Fundació Natzaret e Igaxes3 comparten convivencia en Santiago e Mallorca

Santiago, 22 de setembro de 2015 – Facer rede tamén é isto. Fundació Natzaret e Igaxes3 levamos xa anos intercambiando coñecementos, experiencia profesional e mesmo investigando xuntas. Agora tocáballes facer ese intercambio ás propias mozas e mozos que acompañamos nos nosos respectivos programas de apoio á independencia.

Primeiro visitáronnos eles, despois viaxamos nós. Escollemos dúas fins de semana consecutivas -a primeira, en Santiago; a segunda, en Palma de Mallorca- para que fose compatible coa xornada laboral daquelas rapazas e rapaces que están estudando ou traballando. Pola nosa banda viaxaron media ducia de participantes das vivendas tuteladas de Ourense, Santiago e Vigo, xunto a dúas das nosas educadoras.

O obxectivo era simple: pasar uns días de convivencia e compartir o tempo libre, só que con compañeiros novos e, sobre todo, lonxe de casa. E isto non é banal.

Un dos indicadores máis fiables da desvantaxe social é a carencia de posibilidades de viaxar. Hoxe é máis accesible que nunca percorrer grandes distancias de xeito ocasional, tanto para un adulto como para unha persoa nova. Porén, para a grande maioría da mocidade tutelada, o simple feito de tomar un avión é unha oportunidade excepcional ou mesmo descoñecida.

Durante a visita do grupo de Baleares a Santiago camiñamos ata o curuto do Monte Pedroso e visitamos os tellados da Catedral, por cortesía da Fundación Catedral de Santiago

Con Fundació Natzaret compartimos moitas cousas. En primeiro lugar, ambas as entidades traballamos pola autonomía persoal da adolescencia e a xuventude sen apoio familiar, mediante proxectos específicos de apoio á emancipación como o noso Programa Mentor ou os seus Llar Llevant e Casa del Jove.

En Mallorca tivemos todas as opcións que o clima permite, que son moitas: por iso combinamos as visitas culturais coas de sol e mar.

Ambas as entidades formamos parte da Rede Xuventude e Inclusión, alianza estatal de universidades e ONG, desde a cal investigamos para mellorar as condicións de vida da xuventude en situación vulnerable. E tamén somos parte da Federación Jóvenes e Inclusión, que reúne organizacións sociais de todo o Estado especializadas no apoio á infancia e xuventude en risco de exclusión.

Pero, sobre todo, compartimos filosofía e modos de facer. Cremos nas rapazas e nos rapaces que acompañamos, nas súas capacidades e na súa responsabilidade para tomar as súas propias decisións. Eles deben ser os únicos protagonistas das súas propias vidas. Nós traballamos para que, durante o seu proceso de maduración e de preparación para a vida independente, teñan o mellor apoio e condicións de benestar posibles.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter