Nace a Rede Transnacional Atlantis para a prevención do fracaso escolar

Santiago, 23 outubro 2015 – A iniciativa aglutinará centros de ensino, entidades sociais e administracións públicas de Galicia e Portugal. Xorde das experiencias do noso programa Conecta-Aleida -que compartimos Igaxes3 e Fundación Meniños- e do programa Trajeto Seguro, que desenvolven entidades sociais e públicas no arquipélago dos Azores. O IES do Milladoiro e a Escola Básica Integrada de Rabo de Peixe serán os centros de ensino de referencia para o intercambio de coñecemento.

O fracaso escolar está intimamente relacionado co risco de pobreza dos fogares. Por iso non é só un problema educativo, senón tamén social e familiar. Calquera iniciativa destinada a combatelo precisa dunha acción coordinada entre todos os axentes implicados: a escola, os profesionais de acción social, os servizos sociais de base e, por suposto, as familias.

Onte deuse en Santiago e Ames o primeiro paso para a creación da Rede Transnacional Atlantis. Esta iniciativa nace para aglutinar institucións e entidades que traballan para a promoción socioeducativa da infancia e adolescencia en risco de exclusión, tomando como punto de partida a prevención do abandono e o fracaso escolares.

Esta rede nace do encontro de dúas experiencias. Por unha banda, o programa Conecta-Aleida, que se desenvolve desde 2009 en centros de ensino de Santiago de Compostela e comarca; pola outra, o programa Trajeto Seguro, localizado na comunidade de Rabo de Peixe, no arquipélago dos Azores.

O programa Conecta-Aleida é unha iniciativa de Igaxes3 e Fundación Meniños en coordinación con centros de ensino de Santiago de Compostela e comarca. Dentro desta experiencia, o IES do Milladoiro é centro escolar de referencia polo seu alto grao de implantación de iniciativas preventivas. Na rede Atlantis será centro motor para o intercambio de coñecemento.

Fracaso escolar na primeira infancia

Rabo de Peixe é unha vila pescadora de 9.000 habitantes no norte da illa de São Miguel, a máis poboada dos Azores. Moi castigada polo desemprego e a falta de oportunidades, en Rabo de Peixe os problemas educativos xa se manifestan desde a primeira infancia: o fracaso escolar afecta a máis do 70% das nenas e nenos menores de sete anos.

O programa Trajeto Seguro involucra a Escola Básica Integrada de Rabo de Peixe, dúas entidades sociais dos Azores -o Centro de Terapia Familiar e Intervención Sistémica e mais a Santa Casa da Misericórdia da Ribeira Grande– e a Direção-Geral de Reinserção e Serviços Prisionais do Goberno de Portugal.

A comarca de Santiago e Rabo de Peixe son espazos diversos en canto á composición social e educativa. As distintas experiencias no terreo permiten intercambiar formas exitosas de intervención. O obxectivo é crear programas cada vez máis eficaces e capaces de dar un apoio cada vez maior aos nenos, nenas e adolescentes con risco de pobreza ou exclusión. E, por extensión, tamén mellorar o benestar familiar e contribuír ao desenvolvemento humano dentro de cada comunidade.

Encontro transnacional

Todos os actores que interveñen en Conecta-Aleida e Trajeto Seguro forman o núcleo orixinal da rede Atlantis. No encontro fundacional, celebrado onte e o pasado mércores na sede de Igaxes3 e no IES do Milladoiro, interviñeron –pola parte galega- o director do centro, Víctor Santidrián; a xefa de estudos, Paula López; a responsable do departamento de orientación, Mª Victoria Fernández; o director de Igaxes3, Carlos Rosón; a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy; e a coordinadora de Conecta-Aleida, Ana Martínez.

Pola parte portuguesa participaron Ana Sofía Cabral, coordinadora dos Servizos de Psicoloxía e Orientación da EBI de Rabo de Peixe; Ruben Lima, do Centro de Terapia Familiar e Intervención Sistémica; Emanuel Brilhante, da Santa Casa da Misericordia; e Nuno Ferreira, da Delegação Regional de Reinserção do Sul e Ilhas (Goberno de Portugal). Jordi Longàs, da Universitat Ramón Llull, e Lluís Ballester, da Universitat de les Illes Balears, presentaron distintas experiencias de éxito escolar desenvolvidas en Cataluña e Baleares.

A experiencia xa acumulada demostra que o traballo integrado entre escola, entidades sociais, servizos públicos e familia encontra múltiples beneficios. Non só permite mellorar os resultados escolares de nenos e nenas, senón tamén a relación entre pais e fillos e as competencias educativas parentais, reducindo o estrés na familia; e tamén fai máis estreita a relación coa comunidade: máis oportunidades de tempo libre, maior coñecemento do contorno, máis seguridade e apoio veciñal, etc.

A iniciativa quere reunir máis actores, tanto públicos como do sector non lucrativo, que promovan o éxito escolar, a seguridade familiar e a igualdade de oportunidades para a infancia e adolescencia en situación vulnerable.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter