Meniños e Igaxes3 xa colaboramos coa Associação EPIS nunha iniciativa de vocación europea contra o fracaso escolar

Santiago, 10 de xuño de 2015 – A prevención do fracaso escolar é unha das liñas estratéxicas da alianza que mantemos Fundación Meniños e Igaxes3. No noso labor de crear máis e mellores formas de intervención, as dúas entidades contamos agora cun interlocutor natural alén do Miño: a Associação EPIS (Empresários pela Inclusião Social) leva traballando desde 2007 co alumnado en risco de abandono escolar en 180 escolas de Portugal.

Onte recibimos en Santiago o director xeral de EPIS, Diogo Simões, e a directora de proxectos, Andreia Jaqueta, que se reuniron cos equipos de dirección e coordinación de Meniños e Igaxes. O encontro serviu para intercambiarmos información e metodoloxías, pero tamén para marcar os primeiros pasos dun futuro proxecto común de vocación europea: as tres entidades formaremos candidatura para liderarmos un proxecto europeo sobre o bullying ou acoso escolar e a súa prevención nos centros de ensino.

Durante o encontro puidemos constatar que, malia as diferenzas existentes entre os sistemas educativos portugués e español, as causas e o impacto do fracaso escolar son moi semellantes. E tamén son moi semellantes as nosas formas de traballar para evitarmos o abandono prematuro dos estudos.

EPIS traballa con aquel alumnado que presenta un risco especial de abandono, de maneira individual, fóra da aula e incidindo en habilidades non cognitivas, o que garda correspondencia directa cunha das liñas prioritarias de intervención do noso programa Conecta-Aleida. E tanto EPIS como Meniños e Igaxes3 dedicamos unha atención especial a implicarmos as familias no éxito escolar dos seus fillos e fillas.

E tamén compartimos a total seguridade en que os mundos educativo e laboral teñen que seguir a aproximarse, especialmente se falamos de mozos e mozas con risco de abandono. De feito, EPIS conta cun programa de mentoría e inserción laborais para os mozos e mozas que acompaña, en boa parte análogo aos programas Incorpora e Artesa de Igaxes3.

No seu proxecto Vocações, unha persoa traballadora dunha empresa acompaña un destes mozos ou mozas. Ese mentor préstalle o seu apoio durante o seu período de orientación e formación profesional dentro da compañía, con vistas á súa futura inserción laboral.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter