‘Jóvenes e Inclusión’ insta a ampliar ata os 25 anos a protección á mocidade ex tutelada

Madrid, 20 de outubro de 2016 – En España hai uns 35.000 nenos, nenas, mozos e mozas tutelados que viven baixo o amparo do sistema de protección de menores. Un 46,9% destes mozos e mozas acceden á vida adulta nunha situación de precariedade, agravada pola falta de apoio familiar. A súa taxa de abandono escolar prematuro chega ó 75% nalgunhas comunidades autónomas, o que aumenta o seu risco de exclusión unha vez abandonan o sistema.

Jóvenes e Inclusión, rede estatal de ONGs de atención á infancia e a mocidade da que Igaxes3 é parte, alertou esta mañá da necesidade de ampliar a protección á mocidade ex tutelada ata os 25 anos. Así se desprende da súa investigación titulada Jóvenes que construyen futuros: de la exclusión a la inclusión social, realizada en conxunto con catro universidades e presentada hoxe no INJUVE.

O estudo indica que case a metade (o 46,9%) destes mozos e mozas realizan o salto á vida independente en situación de precariedade. Por iso Jóvenes e Inclusión presentou unha batería de medidas que elevará ás comunidades autónomas -as competentes en materia de protección de menores- para reducir o risco de exclusión da mocidade sen apoio familiar. Catro mozos e mozas ex tutelados expuxeron estas demandas ao contar as súas experiencias de emancipación tras ter pasado polo sistema de protección de menores.

A mocidade máis vulnerable

A mocidade española de entre 16 e 29 anos constitúe a franxa de poboación con maior risco de pobreza e exclusión: a taxa aumentou ata o 38,2€ en 2015 (taxa AROPE), case dous puntos máis que o ano anterior. Dentro desta franxa, a mocidade tutelada e ex tutelada presenta unha vulnerabilidade maior.

Mentres a idade media de emancipación en España se sitúa nos 29 anos, os mozos e mozas tutelados deben saír ó mundo nada máis cumprir a maioría de idade. E deben afrontar a vertixe de emanciparse sen o apoio dunha familia.

Ademais, o seu acceso ó mercado de traballo está moi lastrado pola súa falta de formación. Máis da metade dos rapaces e rapazas que viviron en centros residenciais de protección non acadaron o título da ESO. Nalgunhas comunidades autónomas, como Madrid ou Galicia, a súa taxa de abandono escolar prematuro chega ata o 75%. Esta circunstancia aumenta seriamente o risco de pobreza e exclusión da súa vida futura.

Medidas para unha igualdade real de oportunidades

Ademais das organizacións que integran Jóvenes e Inclusión, na investigación presentada hoxe tomaron parte catro universidades: UNED, Universitat de Girona, Universitat de Illes Balears e Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto analizou os programas de apoio á emancipación da mocidade tutelada que se desenvolve na Comunidade de Madrid, Cataluña, Baleares e Galicia. Os seus resultados mostran as seguintes necesidades:

  • É preciso  ampliar a protección da mocidade tutelada ata os 25 anos de idade. Mentres que certas autonomías xa contan con programas que prolongan o apoio varios anos máis aló da maioría de idade, outras aínda abocan a estes mozos e mozas á emancipación forzosa nada máis cumprir os 18 anos.
  • O apoio que recibe unha rapaza ou un rapaz ex tutelado en Cantabria non pode ser distinto do que recibe outra moza ou mozo que vive en Madrid ou Andalucía. Por isto é preciso crear un marco legal que garanta a protección da mocidade ex tutelada e unha normativa común para todas as CCAA.
  • Contar con bos programas de apoio á emancipación aproxima á mocidade tutelada a unha igualdade real de oportunidades. Alí onde se desenvolven programas deste tipo, como Galicia, Cataluña ou Baleares, minimízanse as desvantaxes sociais destes rapaces e rapazas con respecto á mocidade que si conta con apoio familiar.
  • É imprescindible poñer en marcha políticas educativas específicas para frear o abandono escolar prematuro dos mozos e mozas tutelados. Para a gran maioría deles, as opcións de inserción laboral vense gravemente reducidas debido á súa baixa cualificación educativa.
  • Cómpre seguir promovendo en España unha cultura de comunidades inclusivas para aumentar a rede social de apoio de cada un destes mozos e mozas: escolas, barrios, servizos sociosanitarios, mentores voluntarios e incluso empresas sociais implicadas no seu desenvolvemento e integración social.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter