INCORPORA GALICIA, UN ANO MÁIS CREANDO OPORTUNIDADES DE TRABALLO PARA PERSOAS EN DIFICULTADE SOCIAL

Santiago, 6 de xullo de 2016 – Incorpora é unha iniciativa de Obra Social “la Caixa” para favorecer a integración laboral das persoas con dificultades de acceso ao traballo. As oito entidades galegas de acción social que formamos o grupo Incorpora Galicia continuaremos traballando xuntas un ano máis, en virtude do convenio asinado onte en Santiago. No primeiro semestre do ano, o programa xa facilitou 251 postos de traballo grazas á colaboración de 191 empresas galegas.

O Grupo Incorpora Galicia está composto pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia); a Fundación Érguete-Integración; a Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES); a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); a Fundación Juansoñador; e mais Cruz Vermella de Ourense e Lugo, no marco dun acordo estatal. Igaxes3 segue a ser a entidade coordinadora do grupo.

A entidade financeira destina este ano 570.000 euros ao desenvolvemento de Incorpora Galicia. Tendendo pontes con empresas e asociacións empresariais, o programa Incorpora facilita o acceso á formación e ao traballo daquelas persoas en risco de exclusión coas que traballan as organizacións integrantes. Os técnicos de inserción laboral ocúpanse de identificar potenciais empresas contratantes, así como de facer un seguimento da formación e un acompañamento laboral de cada persoa beneficiaria.

Pola súa banda, grazas a Incorpora, o empresariado ten a oportunidade de desenvolver accións de responsabilidade social corporativa. Cada empresario ou empresaria pode contar con candidatos que recibiron unha formación adaptada ás necesidades da súa empresa, e atopar no técnico de inserción unha figura de apoio e asesoramento permanente que velará polo bo desenvolvemento da relación laboral.

Case 3.000 insercións en Galicia

A iniciativa quere contribuír á sensibilización social e á creación de oportunidades de traballo para persoas con dificultades de inserción: persoas con discapacidades físicas, intelectuais ou sensoriais; persoas con enfermidades mentais; mozos con dificultades para acceder ao seu primeiro traballo; maiores de 45 anos sen experiencia laboral; persoas inmigrantes; desempregados de longa duración; persoas reclusas e ex reclusas; e mulleres que sufriron violencia de xénero.

Entre xaneiro e xuño deste ano, o programa facilitou 251 postos de traballo en Galicia. Isto foi posible grazas á colaboración de 191 empresas, un 9% máis que no mesmo periodo do ano anterior.

Desde a súa posta en marcha en Galicia en 2006, Incorpora fixo posible que 2.932 persoas encontrasen un emprego, grazas á colaboración e o compromiso social de 1.421 empresas galegas.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter