Incorpora Galicia intensifica a súa rede para facilitar o acceso ao emprego das persoas en situación vulnerable

Santiago, 21 de xullo de 2015 – Oito entidades galegas de acción social, entre elas Igaxes3, desenvolverán o programa Incorpora durante un ano máis grazas á renovación do convenio asinada a pasada semana en Santiago. Incorpora é unha iniciativa de Obra Social “la Caixa” para favorecer a integración laboral das persoas con dificultades de acceso ao traballo.

O Grupo Incorpora Galicia está composto pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia); a Fundación Érguete-Integración; a Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES); a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); Cruz Vermella de Ourense e Lugo, no marco dun acordo estatal; e mais a Fundación Juansoñador, que se incorpora este ano ao programa. Igaxes3 segue a ser a entidade coordinadora do grupo.

Mediante convenios con empresas e asociacións empresariais, o programa Incorpora facilita o acceso á formación e ao traballo daquelas persoas en risco de exclusión coas que traballan as organizacións integrantes. Os técnicos de inserción laboral ocúpanse de identificar potenciais empresas contratantes, así como de facer un seguimento da formación e un acompañamento laboral de cada persoa beneficiaria.

Pola súa banda, grazas a Incorpora, o empresariado ten a oportunidade de desenvolver accións de responsabilidade social corporativa. Cada empresario ou empresaria pode contar con candidatos que recibiron unha formación adaptada ás necesidades da súa empresa, e atopar no técnico de inserción unha figura de apoio e asesoramento permanente que velará polo bo desenvolvemento da relación laboral.

Case 300 insercións no que vai de ano

A iniciativa quere contribuír á sensibilización social e á creación de oportunidades de traballo para persoas con dificultades de inserción: persoas con discapacidades físicas, intelectuais ou sensoriais; persoas con enfermidades mentais; mozos con dificultades para acceder ao seu primeiro traballo; maiores de 45 anos sen experiencia laboral; persoas inmigrantes; desempregados de longa duración; persoas reclusas e ex reclusas; e mulleres que sufriron violencia de xénero.

Entre xaneiro e xuño do presente ano, o programa facilitou 292 postos de traballo en Galicia, fronte aos 202 do mesmo período do ano anterior, o que supón un aumento do 44%. Isto foi posible grazas á colaboración de 175 empresas galegas, un 26% más que na primeira metade de 2014.

Desde a súa posta en marcha en 2006, o grupo Incorpora Galicia xa promoveu máis de 2.000 insercións laborais de persoas con dificultades especiais, grazas á vinculación de máis de 1.200 empresas.

  • Escoita a entrevista a Luís Barreiro, presidente de Igaxes3, en Convivir en Igualdade (Radio Galega, 16 de xullo de 2015), a partir do minuto 21:57
Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter