Entidades de Azores, Baleares e Galicia fundan a Rede Atlantis para a prevención do fracaso escolar

Santiago, 12 de setembro de 2016 – O fracaso escolar está intimamente relacionado co risco de pobreza dos fogares. Non é só un problema educativo, senón tamén social e familiar. Por iso para combatelo cómpre unha acción coordinada entre todos os axentes implicados: a escola, os profesionais de acción social, os servizos sociais de base e, por suposto, as familias.

É esta a convicción da que xorde a Rede Transnacional Atlantis, cuxa acta fundacional foi asinada o pasado venres por dez entidades públicas e ONGs de Azores, Baleares e Galicia; entidades todas elas que contan con anos de traxectoria na promoción do éxito escolar, a seguridade familiar e a igualdade de oportunidades para a infancia e adolescencia en situación vulnerable.

Esta rede nace do encontro de dúas experiencias. Por unha banda, o programa Conecta-Aleida, que se desenvolve desde 2009 en centros de ensino de Santiago de Compostela e comarca; pola outra, o programa Trajeto Seguro, localizado na comunidade de Rabo de Peixe, no arquipélago dos Azores.

O programa Conecta-Aleida é unha iniciativa de Igaxes3 e Fundación Meniños en coordinación con centros de ensino de Santiago de Compostela e comarca. Dentro desta experiencia, o IES do Milladoiro é centro escolar de referencia polo seu alto grao de implantación de iniciativas preventivas. Na Rede Atlantis, este instituto será o centro motor para o intercambio de coñecemento.

Fracaso escolar desde a primeira infancia

Rabo de Peixe é unha vila pescadora de 9.000 habitantes no norte da illa de São Miguel, a máis poboada dos Azores. Moi castigada polo desemprego e a falta de oportunidades, en Rabo de Peixe os problemas educativos xa se manifestan desde a primeira infancia: o fracaso escolar afecta a máis do 70% das nenas e nenos menores de sete anos. O programa Trajeto Seguro involucra a Escola Básica Integrada de Rabo de Peixe e mais dúas entidades sociais dos Azores: o Centro de Terapia Familiar e Intervenção Sistémica e a Santa Casa da Misericórdia da Ribeira Grande.

Ademais das entidades mencionadas, o Goberno de Portugal está integrado na Rede Atlantis a través de tres institucións dos Azores con competencia en políticas sociais e educativas: a Direção Regional da Educação; a Direção Regional da Solidariedade Social; e o Instituto da Segurança Social dos Azores.

Por último, a parte balear da Rede Atlantis está representada pola Fundació Natzaret, especializada no apoio á independencia de mozas e mozos en situación vulnerable e que, como Igaxes3, é unha das entidades fundacionais da rede estatal Jóvenes e Inclusión.

Vantaxes do traballo integrado

A Rede Atlantis permite que todos os seus aliados poidan achegar coñecemento e experiencias. Esta é a vía para extraer boas prácticas para a redución do fracaso escolar, e ver as súas posibilidades de aplicación en territorios e en contextos socio económicos diferentes.

A experiencia xa acumulada demostra que o traballo integrado entre escola, entidades sociais, servizos públicos e familia encontra múltiples beneficios. Non só permite mellorar os resultados escolares de nenos e nenas, senón tamén a relación entre pais e fillos e as competencias educativas parentais, reducindo o estrés na familia; e tamén fai máis estreita a relación coa comunidade: máis oportunidades de tempo libre, maior coñecemento do contorno, máis seguridade e apoio veciñal, etc.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter