[Conecta-Aleida no IES de Poio] “Facendo piña desde o primeiro curso”

O noso programa Conecta-Aleida para a promoción do éxito escolar, que puxemos en marcha en 2009, está a aplicarse desde este curso no IES de Poio (Pontevedra). Alí estamos a desenvolver toda unha serie de actividades para mellorar a boa convivencia no instituto e a facer para que todas as alumnas e alumnos (especialmente os de primeiro curso) se sintan alí como na casa.

Para contar con máis detalle en que consisten as actividades, o centro convidounos a escribir a nova entrada do seu blog Eu de maior quero ser…, que vén de publicarse e que tamén reproducimos aquí.

——————————————————————–

FACENDO PIÑA DESDE O PRIMEIRO CURSO

[Eu de maior quero ser…, 25 de abril de 2016]

Todo o mundo recorda o seu primeiro ano no instituto. É como comezar desde cero, porque todo son caras novas: cambian os compañeiros e compañeiras da clase, cambia o profesorado, mudan tamén os espazos e os costumes… Cando todo é diferente, o máis importante é que todo o mundo se sinta acollido desde o principio. Por iso cómpre facer piña!

Para que todo o alumnado se sinta partícipe e poida gozar aprendendo é necesario que exista unión dentro da clase. Para facelo posible, o Concello e o IES de Poio depositaron a súa confianza en nós, o equipo educativo do Programa Conecta-Aleida de Igaxes3. Traballando man a man con todos os profesionais do centro, realizamos un obradoiro de catro sesións co alumnado de 1º de ESO.

Que queriamos lograr? Moi sinxelo: que todas as alumnas e alumnos tivesen a oportunidade de coñecerse, de aceptarse e de participar. Por iso todas as dinámicas estaban orientadas á cooperación e a boa convivencia.

O primeiro: un nome para o grupo

O primeiro de todo era escoller un nome que representase a aula. Esa foi a primeira decisión de cada grupo, para o cal escoitáronse todas as voces e púxose en práctica o xogo democrático. Logo dividímonos en equipos para que cadaquén traballase con aquelas compañeiras e compañeiros con quen non tivera tanta relación durante os primeiros meses de curso. Falamos moito dos valores e do importantes que son. Mesmo fixemos unha “poxa” na que decidimos en equipo cales son os valores máis valiosos, aqueles que como grupo defenderemos de agora en adiante: o respecto, o compañeirismo, a igualdade e a tolerancia foron os valores escollidos.

Todas as opinións contan

Na seguinte sesión fixámonos en como tomar decisións colectivamente: no importante que é analizarmos toda a información, expresarmos a nosa opinión persoal, respectarmos a dos demais, sabermos negociar e tamén ceder para chegarmos a un acordo.

E tamén pensamos nos prexuízos ou estereotipos que ás veces aplicamos á hora de tomar unha decisión. Se somos quen de detectalos e de reflexionar sobre eles, tamén aprendemos a coñecer e respectar as ideas e as opinións de todas as persoas que nos rodean.

O mellor de cadaquén

Na terceira parte do obradoiro traballamos tanto a estima persoal como a estima propia do grupo. Falamos das virtudes e das capacidades que cada un de nós posúe, e que podemos ofrecer ás nosas compañeiras e compañeiros. Cadaquén valorouse a si mesmo, pero tamén ao resto da clase, indicando aspectos positivos de todos e todas.

Finalmente, na última sesión volvemos participar por equipos nun xogo de construción: cada membro do equipo tiña que cumprir a súa propia función para rematar a actividade e conseguir o obxectivo final. Cada un dos mozos e mozas do equipo era imprescindible e a cooperación entre eles, fundamental para chegar ao remate.

29 de abril: todo o mundo a prepararse

A nosa experiencia con todos os grupos clase resultou magnífica. A súa participación foi constante e fixo moi fácil o contacto e o traballo entre compañeiros. Cada grupo fixo do nome escollido o seu propio berro de unión.

Como colofón de todas as actividades, o vindeiro venres 29 de abril celebraremos, coa colaboración e o apoio dos profesionais do centro, unha xincana na que participará todo o alumnado de 1º de ESO. Os valores principais serán, de novo, a inclusión e a cooperación.

Vémonos o 29!

O equipo Conecta-Aleida

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter