Faite voluntario/a

Faite voluntario/a de Igaxes3

En Igaxes3 buscamos persoas voluntarias que queiran sumarse ao noso movemento a prol da xuventude en situación vulnerable. A túa acción solidaria pode marcar a diferenza nas vidas de moitas rapazas e rapaces. Co teu apoio e afecto lograrán medrar con máis seguridade e confianza e avanzar cara a un futuro lonxe da exclusión social.

Actualmente contamos coas seguintes áreas de participación no territorio galego. Consulta a nosa oferta actual de voluntariado e escolle a que mellor se adapte ao teu perfil.

 
Área de mentoría: o Proxecto Referentes

Todas as persoas temos un referente. Alguén que nos guiou, que nos acompañou nos momentos difíciles e soubo darnos o consello que orientou as nosas vidas. O habitual é que esa persoa sexa algún membro da nosa familia, pero moitos mozos e mozas sen apoio familiar carecen desa figura. Ti podes ser o referente dun deles.

Para estes mozos e mozas, un referente é alguén con quen conversar, aprender, divertirse, consolarse ou coñecer unha realidade distinta. Compartindo un café, facendo unha saída ao campo ou asistindo á última estrea de teatro, referente e referido comparten preocupacións e ilusións mentres van construíndo unha relación de amizade.

> OFERTA ACTUAL: Buscamos referentes nas cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra. Se vives nalgunha destas cidades, tes máis de 25 anos e non tes relación profesional ou formativa coas áreas sociais, podes converterte en referente dun mozo ou moza sen apoio familiar.

 
Área escolar

Os datos PISA demostran que o alumnado de familias desfavorecidas acumula un retraso en lectura, ciencia e matemáticas equivalente a dous cursos escolares. O estrés familiar, a falta dun clima protector na casa e outras consecuencias das dificultades económicas poden acrecentar a perda de motivación escolar e de expectativas de mellora.

De aquí ao abandono escolar prematuro só hai un paso. E o abandono escolar é a antesala da exclusión social. Para un adolescente en situación vulnerable, a continuidade escolar é esencial para un futuro lonxe da exclusión. Por iso buscamos persoas dispostas a ofrecer un apoio escolar personalizado para adolescentes, mozas e mozos con risco de abandono.

> OFERTA ACTUAL: Buscamos persoas voluntarias para ofrecer apoio educativo en distintas materias a rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos con risco de abandono escolar, nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Se tes experiencia como docente ou impartindo clases particulares, únete ao noso voluntariado escolar.

• • • • • • • • • • • • • •

Dinos cal é a túa opción e axiña contactaremos contigo.


Acepto a política de privacidade

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter