Clausurada a V edición do Máster en Emancipación de Mozos en Conflito Social

Santiago, 27 de maio de 2016 – A quinta promoción do Máster que coorganizan a USC e Igaxes3 recibiu onte os seus diplomas de especialista no acto de clausura celebrado no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Dela saen 25 novos especialistas, oito dos cales asinarán un contrato de traballo para se incorporaren aos equipos educativos do Programa Mentor. O mestrado cumpre cinco anos alcanzando unha taxa de inserción do 60%.

O acto estivo presidido pola Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da Universidade de Santiago de Compostela, Dolores Álvarez; a Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González; a directora do Máster, Esther Olveira; e o presidente de Igaxes3, Luís Barreiro.

Deste V Máster saen formados 25 novos especialistas na atención á adolescencia e mocidade en situación vulnerable. Oito alumnas e alumnos da promoción asinarán un contrato de traballo que lles permitirá incorporarse ao persoal laboral do Programa Mentor de inserción sociolaboral que desenvolve Igaxes3.

Nerea Antepazo realizou o discurso en representación do alumnado, que recibiu a continuación os seus diplomas honoríficos. Pronunciou a conferencia de clausura Jorge Sobral, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, cuxo discurso levou por título “Familia, normas, afectos e delincuencia”.

Seis de cada dez egresados están traballando

Logo destes cinco anos de experiencia académica, Igaxes3 vén de realizar un estudo entre o alumnado egresado, cuxos resultados trasladou onte o presidente da entidade, Luís Barreiro. Das case cen alumnas e alumnos que completaron o Máster nestas cinco primeiras edicións, un 60% está traballando actualmente e un 40% faino nalgunha entidade ou institución do sector social.

O Máster manterá o curso vindeiro a súa bolsa de emprego, con sete contratos de traballo ao remate dos estudos. Antes diso, o alumnado tamén completará un período de entre tres e catro meses de prácticas en proxectos reais de apoio á independencia. Ofertaranse prazas en vivendas de autonomía, en coordinación de programas e mais en proxectos de intervención en centros de ensino para a prevención do fracaso escolar.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter