Clausurada a IV edición do Máster en Emancipación da Mocidade en Conflito Social

Santiago, 27 de maio de 2015 – A cuarta promoción do Máster que coorganizan a USC e Igaxes3 recibiu onte os seus diplomas de especialista no acto de clausura celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Oito alumnas incorpóranse agora como educadoras de Igaxes3 nas súas vivendas tuteladas do Programa Mentor.

O acto estivo presidido polo Vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da Universidade de Santiago de Compostela, Roberto Javier López; a Directora Xeral de Familia e Inclusión, Amparo González; o director do Departamento de Teoría da Educación, José Antonio Caride; a directora do Máster, Esther Olveira; e o presidente de Igaxes3 e Fundación Trébol de Iniciativa Social, Luís Barreiro.

Todos os axentes coincidiron en destacar este Máster como un exemplo de traballo conxunto entre Universidade, Terceiro Sector de acción social e Administración pública. O Vicerreitor da USC afirmou que unha universidade pública debe contar con mestrados “que permitan lograr patentes”, pero é imprescindible ofrecer outros que formen “para traballar a prol da dignidade humana”, como é o caso deste Máster.

Unha taxa de inserción do 50%

Deste IV Máster saen formados 18 novos especialistas na atención á adolescencia e mocidade en situación vulnerable. E oito alumnas da promoción veñen de asinar un contrato de traballo que lles permitirá incorporarse ao persoal laboral do Programa Mentor de inserción sociolaboral que desenvolve Igaxes3.

A propósito disto, o presidente da entidade, Luís Barreiro, quixo destacar que case un 50% dos 70 alumnos e alumnas que pasaron polas catro promocións xa lograron insertarse laboralmente como profesionais de atención á mocidade, principalmente en Igaxes3, pero tamén noutras organizacións.

A Directora Xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, referiuse precisamente ao Programa Mentor, un programa da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo, que foi designado boa práctica de inclusión social pola UE. “É moi enriquecedor saber que poderemos contar con equipos humanos preparados, que nos axudarán a fortalecer os nosos recursos e chegar a quen o necesite con maiores garantías de calidade”, afirmou.

Andrea Verdú realizou o discurso en representación do alumnado, que recibiu a continuación os seus diplomas honoríficos. Pronunciou a conferencia de clausura Raúl Fraguela, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, cuxo discurso levou por título “Deporte e mocidade en conflito social: espertando o xigante”.

Quinta edición

Para a súa próxima edición, o Máster mantén a súa bolsa de emprego, con oito contratos de traballo ao remate dos estudos. Antes diso, o alumnado desenvolverá un programa de prácticas que abrangue un total de 354 horas en proxectos reais de apoio á independencia.

Ofertaranse prazas en vivendas de autonomía, en coordinación de programas e mais en proxectos de intervención en centros de ensino para a prevención do fracaso escolar. No próximo mes de xullo abrirase o prazo de preinscrición para solicitar praza no V Máster.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter