Anduriña, Marodri, Urbaser e Convivir en igualdade reciben os Premios Incorpora de Obra Social ”la Caixa”

Vigo, 4 de decembro de 2015 – Para que unha persoa en situación vulnerable poida acceder a un posto de traballo ten que haber unha empresa disposta a darlle unha oportunidade. Os Premios Incorpora de Obra Social ”la Caixa” recoñeceron un ano máis o compromiso social de tres empresas galegas que contrataron persoas en risco de exclusión. No que vai de 2015, a través do Programa Incorpora, case 600 personas lograron un emprego grazas á aposta solidaria de 241 empresas de Galicia.

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González; o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou; o director da Área Social da Fundación ”la Caixa”, Marc Simón; e o presidente de Igaxes3, entidade coordinadora do grupo Incorpora Galicia, Luís Barreiro, entregaron onte en Vigo os Premios Incorpora, dirixidos a empresas galegas comprometidas coa integración laboral de colectivos vulnerables.

Estes galardóns son unha forma de premiar o labor social daquelas empresas galegas que apostaron por integrar nas súas plantillas a persoas con dificultades especiais para acceder a un posto de traballo. Nesta edición 2015 foron premiadas Centro de día Anduriña, na categoría de pequena empresa (menos de 50 persoas empregadas); Marodri, na de mediana empresa (entre 50 e 250); e Urbaser, na de gran empresa (máis de 250 persoas empregadas).

Entre os criterios de selección que seguiu o xurado están o número de contratacións de persoas vulnerables respecto ao conxunto do persoal, o perfil das traballadoras e traballadores integrados e a duración media dos contratos.

Ademais, este ano recibiu o Premio Especial o programa Convivir en igualdade, da Radio Galega. Dirixido e conducido por Clara de Saá, este espazo de carácter divulgativo e contido social achégase diariamente, desde un enfoque rigoroso e diferenciador, a toda clase de temas e iniciativas relacionadas coa inclusión social e a loita contra a pobreza.

Grupo Incorpora Galicia: 200 insercións máis que en 2014

O programa consolidouse como un referente no ámbito da integración laboral en Galicia. Concretamente, Incorpora facilitou 582 postos de traballo no que vai de ano grazas á colaboración de 241 empresas galegas, fronte ás 390 contratacións do mesmo período do ano anterior.

Un total de 8 entidades sociais son as encargadas de desenvolver o programa, agrupadas no Grupo Incorpora Galicia e coordinadas por Igaxes3: Fundación Érguete Integración, COGAMI, FEAFES Galicia, APES, Fundación JuanSoñador e Cruz Vermella de Ourense e Lugo. A principal achega de Incorpora é que presenta un concepto innovador da integración laboral, xa que conxuga nun mesmo modelo a rede de entidades de acción social e a rede solidaria de empresas no marco da responsabilidade social empresarial.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter