Aberto o prazo de admisión no V Máster en Emancipación de Mozos en Conflito Social

Santiago, 2 de xullo de 2015 – O programa de formación de especialistas que organizan a USC e Igaxes3 chega á súa quinta edición. Un ano máis, o Máster inclúe tres meses de prácticas en recursos residenciais e mantén a súa bolsa de emprego con oito contratos de traballo ao cabo do curso.

Ao remate da 4ª edición do Máster no pasado mes de maio, oito alumnas da promoción incorporáronse á plantilla de Igaxes3 como traballadoras das nosas vivendas tuteladas do Programa Mentor. A quinta edición, na que xa é posible preinscribirse, volve ofertar oito contratos de traballo para acompañar a mozos e mozas en dificultade no seu camiño cara á independencia.

O Máster en Intervención e Emancipación de Mozos en Conflito Social está orientado a preparar para o acompañamento e o fomento da autonomía de mozos tutelados, ex tutelados, en garda, con medidas xudiciais e con risco de fracaso e abandono escolares. O alumnado tamén aprenderá a xestionar recursos residenciais de apoio á independencia e adquirirá un amplo coñecemento do sistema galego de protección e reforma de menores.

Das 612,5 horas prácticas que abrangue o programa de estudos, a metade realizaranse en proxectos reais de apoio á independencia, de prevención do fracaso escolar ou de integración familiar. Todas as persoas interesadas poden formular preinscrición desde hoxe e ata o 11 de setembro no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, localizado no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter