A Rede Xuventude e Inclusión insta a ampliar ata os 25 anos a protección á xuventude tutelada

Santiago, 14 de setembro de 2015 – Durante o seu I Encontro Internacional, celebrado a pasada semana en Santiago de Compostela, a Rede Xuventude e Inclusión presentou os resultados da investigación que desenvolveu ao longo do último ano. Tomando como base as conclusións desta investigación, a rede lanzou unha batería de propostas para facilitar a incorporación social da xuventude tutelada.

A investigación titulada Análise e mellora dos procesos de intervención para a emancipación da xuventude en dificultade social xa está rematada e en proceso de edición. O proxecto formou parte da trintena de proxectos seleccionados polo Programa de Cidadanía Activa, financiado polo Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA Grants) e operado pola Plataforma de ONG de Acción Social.

A Rede Xuventude e Inclusión, alianza estatal de universidades e ONG á que pertencemos, elevará estas propostas ás distintas comunidades autónomas, co propósito de serviren de base para o deseño de novas políticas públicas. A súa meta principal é facilitar a incorporación social e a igualdade de oportunidades entre os mozos e mozas que carecen de apoio familiar.

En primeiro lugar, a Rede insta ás comunidades autónomas a ampliaren a protección da xuventude tutelada ata os 25 anos de idade. Mentres que certas autonomías xa contan con programas que estenden o apoio varios anos máis alá da maioría de idade, outras aínda abocan aos mozos e mozas á emancipación forzosa nada máis cumpriren os 18 anos.

O apoio que recibe un mozo ou moza ex tutelada en Cantabria non pode ser distinto do que recibe outro rapaz que vive en Madrid ou Andalucía. Por iso é necesario crear un marco legal que garanta a protección da mocidade ex tutelada, e unha normativa común para todas as comunidades autónomas. Ademais, é preciso manter unha liña de colaboración permanente e interdisciplinar entre as distintas institucións autonómicas.

Para un programa de emancipación exitoso

Por outra banda, a investigación realizada demostra que contar con bos programas de apoio á emancipación aproxima á xuventude tutelada a unha igualdade real de oportunidades. Nas autonomías onde se desenvolven programas deste tipo, como Galicia, Cataluña ou Baleares, minimízase a desvantaxe social destes rapaces con respecto á xuventude que si conta con apoio familiar.

E como debe ser un bo programa de apoio á emancipación? As conclusións do estudo permiten establecer as seguintes características:

· Cultivo da autonomía persoal desde o inicio da adolescencia: o horizonte da emancipación xa existe desde antes dos 14 anos.

· Intervención individualizada: cada moza ou mozo ten que contar co seu propio itinerario e obxectivos.

· Participación de cada moza e mozo no seu propio proceso, tomando decisións sobre cada paso da súa traxectoria vital.

· Apoio do proceso por parte da familia ou dalgún dos seus membros.

· Liñas de traballo específicas para a integración dos rapaces e rapazas coa comunidade.

· Programas de mentoría, para que os participantes poidan contar co apoio dunha figura adulta durante e despois do momento da emancipación.

· Avaliación dos procesos por parte dos propios mozos e mozas e estudo da súa traxectoria anos despois de finalizaren o programa.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter