A mochila que máis pesa

A pobreza familiar afecta a un de cada catro escolares en Galicia. Miles de nenas, nenos e mozos teñen dificultades na escola derivadas da falta de recursos, a falta de afecto, problemas familiares ou emocionais.

• • • • • • • • • • • • • •

Moitas veces, estes problemas pasan desapercibidos. E poden poñer en grave risco o futuro educativo destas nenas e nenos. Necesitan recibir apoio e atención, pero esta non sempre chega.

Segundo os datos PISA, as alumnas e alumnos máis desfavorecidos teñen ata 11 veces máis posibilidades de repetir curso que o resto de compañeiros. En Galicia, mentres a taxa xeral de fracaso escolar foi baixando nos últimos anos ata o 15%, esta segue aumentando entre o alumnado que se atopa en situación de dificultade.

As desigualdades sociais teñen cada vez máis reflexo na escola. O futuro de todas estas nenas e nenos está en xogo e o noso sistema educativo está fracasando rotundamente en materia de equidade.

 

“Estamos xuntos nisto”

A falta de recursos somete a moitas familias a unha loita diaria. E isto impide que moitas nais e pais poidan implicarse adecuadamente na vida escolar dos seus fillos e fillas. Esta pode quedar nun segundo plano cando cada día hai que atender cuestións tan urxentes como a propia manutención.

Pero calquera nena, neno ou mozo precisa sentir que todos os membros da súa familia están xuntos nesta tarefa. A implicación parental é un dos principais factores de éxito escolar na infancia e na adolescencia.

Por iso é tan importante que esteamos xunto ás nenas e nenos, pero tamén ás súas familias. Moitas nais e pais precisan de apoio para conciliar, superar conflitos, recuperar un clima familiar positivo e protector e implicarse na experiencia escolar das súas fillas e fillos.

Necesitan apoio e temos que dárllelo. Ningún neno, nena ou adolescente debería ver coartado o seu futuro por razón de pobreza ou dificultade social.

 

Co teu apoio podemos axudar a máis nenas, nenos e familias a evitar que a desvantaxe social coarte as súas oportunidades de futuro. Descubre como.


Quero axudar

 

 

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter