A mellora das relacións familiares como vía para previr o fracaso escolar

Santiago, 30 de novembro de 2016 – O éxito escolar comeza a cultivarse na casa e aséntase nun clima familiar positivo. Por iso o Programa de Competencia Familiar quere axudar ás familias con fillos e fillas adolescentes a mellorar a súa relación e a crear un clima familiar cada vez máis valioso e protector. Dez familias de Santiago e comarca con fillas e fillos de entre 12 e 16 anos están xa a participar da iniciativa, que vimos de poñer en marcha como unha liña máis do noso Programa Aleida para a promoción do éxito escolar.

Xa desde antes de nacer o seu fillo ou filla, calquera nai ou pai ten dúbidas sobre moitos aspectos da crianza: se saberá coidalo, como o educará, que fará cando se presente un conflito repentino… E estas son preocupacións que permanecerán durante todo o seu crecemento.

A maioría das dificultades que van xurdindo teñen solución. Pero, ás veces, algunhas non acaban de resolverse. Ao chegar a adolescencia, estas dificultades poden converterse nun problema que as nais e os pais non logran solucionar e que afecta o clima familiar e a experiencia escolar dos fillos e fillas.

Comunicándonos mellor

Coa mellora da comunicación como referente, o Programa de Competencia Familiar está orientado a resolver problemas, manexar o estrés, reforzar as condutas positivas e diminuír as negativas… As familias melloran as súas habilidades para resolver conflitos, comunicarse e organizarse mellor, aumentar a cohesión familiar e manter unhas relacións cada vez máis positivas.

Esta nova liña do Programa Aleida é posible grazas ao coñecemento que importamos do Grupo de Investigación e Formación Educativa (GIFES) da Universitat de les Illes Balears, con quen colaboramos desde hai anos no marco de Jóvenes e Inclusión. Este é un modelo que GIFES adaptou do Strengthening Families Program deKarol L. Kumpfer.

Cada xornada organízase cunha primeira sesión en paralelo, nos que adolescentes e adultos traballan por separado, e logo unha segunda sesión conxunta na que todo o grupo aplica as habilidades traballadas, que logo fortalecerán nos seus fogares.

O modelo testado pola UIB amosa que os pais e nais aprenden a manexar situacións conflitivas e a traballar as súas habilidades parentais. Os mozos e mozas, pola súa parte, melloran o seu control dos problemas escolares e a súa capacidade para poñer límites e evitar os conflitos. Tamén logran reducir os problemas de atención e os síntomas de ansiedade, mellorando a súa capacidade de adaptación ao contorno escolar e social.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter