A mellor mentoría laboral para a mocidade tutelada: un ano colaborando con ADER Recursos Humanos

Santiago, 29 de abril de 2015 – Hai xa un ano que un equipo de cinco técnicas de selección de ADER Recursos Humanos exercen como mentoras laborais dos nosos mozos e mozas tutelados. Integrado no noso Programa Artesa de voluntariado corporativo, este proxecto de colaboración está en marcha en cinco cidades de Galicia. Onte reunímonos as dúas entidades para avaliar a experiencia piloto e deseñar melloras para o que vén.

Cada vez son máis as empresas galegas que apostan pola responsabilidade social. Pero, para que un proxecto de RSE teña verdadeiro impacto, é imprescindible que sirva para lograr un cambio alí onde actúa: só cando transformamos somos socialmente responsables.

A aposta de ADER cumpre con esta máxima. Hai un ano que un equipo de profesionais da entidade exercen como mentoras laborais dos mozos e mozas tutelados que acompañamos no programa Mentor. A súa mentoría serve para o cambio, porque non se limita a asesorar aos rapaces na confección dun currículum ou a darlles acceso a unha bolsa de emprego. Serve para moito máis: realizar todo un itinerario individual de inserción e adestrarse para ser o mellor candidato posible ante unha oferta de traballo.

Formación e aptitudes

Nacida en 1994, ADER é a empresa galega decana no sector do traballo temporal e axencia de colocación autorizada desde 2013. Os seus profesionais saben o que necesitan as empresas e os perfís profesionais que estas requiren. Isto permite, en primeiro lugar, detectar en que aspectos deben seguir formándose os rapaces para melloraren as súas opcións de contratación.

Que habilidades podo reforzar? Que aptitudes mellorar? Cada mozo recibe orientación personalizada por parte da súa mentora, con quen pode adestrarse para a entrevista persoal. Esta é a primeira vez que os rapaces poden simular un proceso de selección nun ambiente real, é dicir, fóra dos pisos tutelados nos que viven, acompañados dos nosos equipos educativos.

Empresas solidarias

Unha das nosas liñas de RSE para a empresa está dedicada ao voluntariado corporativo. O Programa Artesa permítelle a un empresario ou traballador exercer o seu compromiso social facéndose mentor laboral dun grupo de mozos sen apoio familiar.

En 2014 participaron neste programa 24 empresas das catro provincias, e diso beneficiáronse 99 mozos e 69 mozas participantes. Con Artesa, as dúas partes gañan: mentres a empresa amplía o seu compromiso social, os rapaces comezan a ver o mundo do traballo como algo familiar. Así poden prepararse para o primeiro emprego con máis seguridade e confianza.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter