A Confederación de Empresarios da Coruña súmase ao Programa Incorpora para facilitar a contratación de persoas en dificultade

A Coruña, 14 de abril de 2016 – O presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla; o director territorial de “la Caixa” en Galicia, Marc Benhamou, e o director de Igaxes3, Carlos Rosón, en representación do Grupo Incorpora Galicia, firmaron hoxe un acordo que ten como obxectivo fomentar a integración laboral de persoas con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo e promover accións de responsabilidade social empresarial no marco do programa Incorpora da Obra Social “la Caixa”.

Antonio Fontenla afirmou que este acordo “supón un motivo de esperanza para un sustancial número de persoas que, estando aínda en idade activa, encontran grandes dificultades para se intertaren social e laboralmente”. Para o presidente da CEC, “a xeración de emprego actúa como elemento privilexiado de integración social e desenvolvemento persoal”.

Pola súa parte, Marc Benhamou referiuse a Incorpora como “un proxecto que naceu en 2006 e que desde entón non parou de facilitar oportunidades a persoan que non adoitan telas”. Grazas á CEC, “hoxe podemos incorporar novas aptitudes e novas enerxías a este proxecto”, engadiu.

Carlos Rosón destacou á súa vez que esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo. En primeiro lugar, “as entidades Incorpora non acudimos ás empresas a pedir, senón a ofrecer persoas motivadas e formadas especificamente para daren resposta ás necesidades desas empresas”. En segundo lugar, para unha persoa en situación vulnerable, lograr unha oportunidade coma esta “non é só unha inserción laboral: é unha porta aberta ao futuro e á esperanza”.

A CEC colaborará con Incorpora mediante o fomento da contratación e a formación de persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos, mediante a difusión entre as súas empresas asociadas e o pulo de accións e actividades concretas no ámbito da responsabilidade social empresarial. Pola súa banda, Incorpora prestará información e asesoramento especializado a esta confederación empresarial sobre subvencións e axudas á contratación e a creación de emprego para persoas con especiais dificultades de inserción.

Máis de 500 postos de traballo en Galicia en 2015

Incorpora facilitou un total de 570 postos de traballo a persoas en risco de exclusión en Galicia o pasado ano. Concretamente na provincia da Coruña facilitáronse 136 insercións laborais, grazas á implicación de 72 empresas neste proxecto de responsabilidade social corporativa e á colaboración das entidades de acción social encargadas de desenvolver Incorpora en Galicia: Fundación Érguete Integración, Cogami, Feafes Galicia, APES, Fundación JuanSoñador e Cruz Vermella de Ourense e Lugo, ademais de Igaxes3, entidade coordinadora.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter