Rede de Cooperación Técnica GALA

Data de Inicio: 1 de setembro 2009
Ámbito: Galicia. Perú
Participan: Igaxes3, Cogami, Fundación Érguete Integración e Asociación Galega de Hemofilia (Galicia); Canat, Yancana Huasy e Asociación Peruana de Hemofilia (Perú).

Igaxes3 e outras seis entidades sociais de Galicia e Perú entraron a formar parte da Rede de Cooperación Técnica GALA coa sinatura en Lima da súa acta de constitución en maio de 2010.

As organizacións asinantes confirman neste momento o seu compromiso de colaboración de cara a futuros proxectos no eido da cooperación internacional, compartindo así un espazo cuxos integrantes pretenden:

  • Compartir experiencias e coñecementos.
  • Construír proxectos conxuntos con apoio de todas as entidades.
  • Obter información sobre os recursos económicos aos que se pode acceder (convocatorias).
  • Servir de vínculo de relación entre Galicia/Europa e Latinoamérica.
  • Obter información sobre conferencias, charlas, congresos ou eventos que traten temas nos que cada entidade estea especializada ou interesada.
  • Conseguir apoio técnico ou formación no eido da cooperación.
  • Conseguir información sobre entidades que traballan no país de destino e coas que se poida realizar un traballo conxunto.
  • Obter información sobre diferentes actividades formativas relacionadas coa cooperación ou eidos afíns.
  • Ser un espazo que permita a denuncia e posúa incidencia na loita contra a pobreza e a exclusión social en Latinoamérica, priorizando Perú.

Coa constitución da rede culminaron as tarefas que Igaxes3 e os seus socios galegos iniciaron en setembro de 2009, destinadas a identificar aquelas entidades peruanas afíns en termos de actuación, obxectivos e metodoloxía. Tras a compilación de información definíronse as contrapartes en Perú de cada unha das entidades galegas, con vistas á sinatura definitiva do acordo.

A contraparte específica de Igaxes3 é o Centro de Apoyo a Niños/as y Adolescentes Trabajadores/as (CANAT). Situada na localidade de Piura, no norte de Perú, esta entidade traballa desde 1995 pola formación integral para o desenvolvemento persoal e profesional de adolescentes traballadores en áreas urbanas marxinais, que carecen de formación superior ou que abandonaron os estudos por falta de recursos económicos.

A Asociación de Apoyo y Promoción del Excepcional Yancana Huasy, contraparte natural de COGAMI, está localizada no distrito limeño de San Juan de Lurigancho e traballa a prol da inclusión e desenvolvemento das persoas con discapacidade. A Asociación Peruana de Hemofilia é contraparte da súa homóloga galega e atende as necesidades dos colectivos afectados pola enfermidade no territorio peruano.

Pagina 1 de 0