Participación

IGAXES3 considera que a participación daquelas persoas destinatarias dos programas sociais que leva a cabo é básica e constitúe unha das súas liñas de traballo fundamentais e prioritarias. Autonomía persoal e integración relacional son os piares sobre os cales descansa a nosa intervención social, aumentando a implicación particular e a participación social de todos os actores.

Entendemos a nosa aposta pola participación como o detonador dun proceso de reflexión dentro da organización que favoreza as potencialidades e capacidades das persoas relacionadas coa entidade, xa sexan participantes, traballadores ou voluntarios.

No marco deste proceso de reflexión, acudimos á experiencia práctica desenvolvida nestes anos, sobre todo no ámbito dos recursos de Apoio á Independencia do Programa Mentor. En canto á formulación teórica, asumimos como propia a Guía Metodolóxica de Participación Social das persoas en situación de pobreza e exclusión social, editada pola Rede Europea Contra a Pobreza de España (EAPN España).

IGAXES3 leva xa tres anos participando nos Encontros Estatais de Participación de Persoas en situación ou risco de pobreza e/ou exclusión social (Zaragoza 2008, Ciudad Real 2009, Madrid 2010). Como membro de EAPN Galicia, a entidade leva a Secretaría do Grupo de Participación de EAPN España e coordina o grupo Axenda 2010/Participación de EAPN Galicia, no marco do cal se organizou o I Encontro Galego de Cidadanía Inclusiva en abril de 2010.

Pagina 1 de 0