Urbana Norte

O programa Urbana Santiago Norte foi unha iniciativa do Concello de Santiago cofinanciada polos fondos FEDER da Unión Europea para o Desenvolvemento Sostible Local e Urbano. No seo desta iniciativa, Igaxes3 desenvolveu entre 2010 e 2011 un Programa Integral de Inserción Laboral destinado a persoas maiores de 16 anos que residisen nalgún dos barrios da zona Norte de Santiago de Compostela.

As actividades de inserción perseguían o obxectivo principal de apoiar as persoas participantes nos seus procesos de busca de emprego. Para isto, o equipo de técnicos de Igaxes3 deseñou un programa integral de actuacións pensado para que as persoas participantes fosen en todo momento protagonistas activos do proceso e adquirisen habilidades para a plena independencia na toma de decisións.

Realizáronse, en primeiro lugar, sesións de traballo individuais nas que se lles axudou aos participantes a confeccionar un currículum e ofrecéronselles indicacións sobre como acudir a unha entrevista de traballo. Sempre de modo personalizado, tamén se lles proporcionou información sobre entidades ás que acudir para solicitar emprego.

Paralelamente desenvolvéronse sesións grupais de formación e de procura de emprego. Ofertáronse dous cursos: un primeiro de informática, destinado á busca de emprego a través das novas tecnoloxías; e un segundo de capacitación en habilidades sociais, orientado á entrevista de traballo. Ao tempo, o equipo técnico fixo un seguimento de cada participante nas accións formativas e nos procesos de busca, facendo unha valoración permanente da mellora da situación de empregabilidade.

Pagina 1 de 0