VI Máster Propio en Intervención e Emancipación de Mozos en Conflito Social (Curso 2016-2017)

Preinscrición: 4 xullo – 9 setembro 2016.
Calendario do curso: 4 outubro 2016 – 31 maio 2017.
Lugar: Facultade de CC. da Educación, Campus Vida. Santiago de Compostela.
Dirixido prioritariamente a: Diplomados/as ou Graduados/as en Educación Social, Traballo Social, Relacións Laborais, Pedagoxía, Psicopedagoxía, Psicoloxía e Socioloxía.
Horas prácticas: 612,5.
Bolsa de emprego: 7 contratos de traballo, ofertados por Igaxes3.

O sistema de protección de menores en Galicia atende a centos de mozos e mozas en recursos residenciais de diversa índole: casas de familia, centros de día, residencias e vivendas tuteladas e de autonomía. Este sistema precisa profesionais do ámbito social, formados para a atención directa destes mozos e mozas desde a perspectiva da emancipación.

Ao mesmo tempo, son cada día máis os menores que deben afrontar o cumprimento de medidas xudiciais. Cómpre poñer a énfase no seu empoderamento e autonomía a fin de aproveitar o seu paso polo sistema xudicial como oportunidade de traballo educativo. Por outra banda, o incremento nos índices de absentismo escolar tamén require un traballo conxunto entre profesionais do ámbito social e o persoal educativo nos centros de ensino.

Obxectivos e metodoloxía

O Máster está dirixido á formación de especialistas no traballo de autonomía e emancipación de mozos e mozas tutelados e residentes en recursos de autonomía; ex tutelados; en garda; con medidas xudiciais; e con risco de abandono escolar prematuro. Os seus obxectivos específicos son:

  • Preparar para o acompañamento e o fomento da autonomía e a emancipación de mozos/as en conflito social.
  • Capacitar para a xestión e funcionamento de recursos residenciais de mozos/as en conflito social.
  • Coñecer o sistema de protección e reforma de menores en Galicia.

As clases teóricas terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da USC de martes a venres, en horario de 16.00 a 21.00 horas, entre outubro de 2016 e marzo de 2017.

Os contidos divídense en cinco áreas centrais: Módulo de introdución; Área xurídica; Área educativa; Área de xestion de entidades; e Área de recursos e políticas públicas. O persoal docente está composto por especialistas de distintas universidades do estado e por profesionais con probada experiencia no eido de xuventude e autonomía.

Prácticas e bolsa de emprego

O programa de prácticas abrangue 612,5 horas de traballo, das cales a metade realizaranse en recursos residenciais e centros de ensino de Galicia no marco dos programas Mentor e Conecta-Aleida, que desenvolve Igaxes3. Nesta sexta edición tamén se ofertarán prácticas en en proxectos desenvolvidos pola Fundación Meniños.

Ao remate do curso, o alumnado terá acceso a unha bolsa de emprego na que Igaxes3 ofertará 7 contratos de catro meses con opción de continuidade para traballar en proxectos desenvolvidos pola entidade.

Pagina 1 de 11