Programa Enma

Entre as situacións de desprotección que poden sufrir os menores destacan as de malos tratos e abusos sexuais, fronte ás que a nosa sociedade non pode asumir que co tratamento legal destes comportamentos, tipificados como delito, sexa suficiente. Os sistemas públicos responsables da protección dos menores, o xudicial e o administrativo poden estar presentes na abordaxe de estas situacións de forma paralela e complementaria:

  • No ámbito xudicial, nos casos da súa competencia, o sistema xudicial céntrase en investigar e, no seu caso, penalizar os feitos constitutivos de delito, polo que unha vez realizado o xuízo e recaída sentencia dáse por finalizada a intervención xudicial en relación ao menor maltratado ou abusado, non sendo este, como calquera vítima en xeral, o centro da intervención xudicial.
  • O ámbito social debe dar resposta a un proceso de recuperación tanto do menor como da súa familia, co fin de facer fronte á crise e evitar a ruptura familiar que traen de seu estas situacións. É dicir, non só temos que afrontar o propio feito abusivo, ademais temos que reestruturar o sistema relacional e familiar. Temos polo tanto a necesidade de facer unha intervención terapéutica cos menores e a súa familia coa finalidade de promover cambios que permitan a súa rehabilitación garantindo así o axeitado desenvolvemento integral do menor no seu núcleo de convivencia.

É precisamente neste ámbito social onde se centra o obxectivo prioritario dos Equipos de Nenos Maltratados e Abusados no entorno familiar (ENMA) xestionados por Igaxes3.

OBXECTIVO

O Equipo de Nenos Maltratados e Abusados Sexualmente (ENMA) é un servizo público e gratuíto que se caracteriza por desenvolver unha intervención urxente e especializada destinada a menores maltratados e abusados no contexto familiar. As súas funcións céntranse na prevención, detección, notificación e intervención no ámbito dos malos tratos a menores ata o cumprimento da súa maioría de idade. Esta labor desenvólvese en colaboración cos distintos recursos cos que se conta a nivel autonómico no campo social, educativo e sanitario (centros de menores, Programa Mentor, educadores familiares, centros escolares…) buscando na medida do posible preservar a existencia dese núcleo familiar.

Destinado a menores galegos ou residentes en Galicia que sofren algunha situación de maltrato ou abuso no ámbito familiar, o seu obxectivo principal é prestar unha asistencia inmediata e de apoio á vítima ou vítimas a través dunha intervención terapéutica co núcleo familiar e menores implicados para:

  • Poñer fin á situación de desprotección da infancia.
  • Recuperar o núcleo familiar como medio máis favorable de desenvolvemento do menor.
  • Axudar ao menor a adquirir as habilidades precisas para unha vida independente cando sexa inviable que o menor se reincorpore á familia.
Pagina 1 de 0