Programa Mentor

Data de Inicio: 1 xaneiro 1998
Ámbito: Galicia
Financian: Fondo Social Europeo. Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

O Programa Mentor nace no ano 1998 como un programa de inserción laboral que, ao longo destes anos, foi mudando progresivamente cara a un programa integral destinado aos mozos e mozas que se atopan na fase de saída do proceso de protección iniciado pola Administración pública. O programa ten unha dobre finalidade: por unha banda, a prevención de situacións de risco social futuras na poboación galega e, pola outra, a inclusión social e laboral dos mozos e mozas que foron dados de alta no programa.

Dende o ano 2005 ata a actualidade, estamos a desenvolver o programa dende IGAXES3. Mentor está financiado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. O seu ámbito de actuación circunscríbese á Comunidade Autónoma de Galicia traballando en coordinación coa Subdirección Xeral de Familia e Menores e as Xefaturas Territoriais correspondentes.

En sintonía cos valores de IGAXES3, non se traballa soamente a inserción laboral dos e das menores acollidos no programa, senón que enmarcamos o traballo dende a formulación, para nós básica, de axuda á promoción humana e desenvolvemento integral da dignidade humana de todas as persoas que se atopan en situación de precariedade, apoiándose no respecto debido á persoa e na forza da súa propia experiencia.

Traballamos dende os principios de actuación da iniciativa comunitaria Equal, buscando o equilibrio entre a axuda e o empoderamento, actuacións dicotómicas nas que día a día nos movemos na procura dun obxectivo final, a autorrealización das persoas participantes do programa.

Establecemos dúas vías de traballo segundo a intensidade deste:

  • Traballo en inserción sociolaboral, no que se procura unha intervención máis orientada a gañar habilidades e procurar estratexias orientadas á súa independencia de cara á busca de emprego e a mellora da súa capacidade de empregabilidade.
  • Apoio ao empoderamento, no que se traballa para a adquisición de habilidades básicas para a vida independente, con actuacións que van dende o máis xeral ao máis concreto. O traballo, neste caso, realízase nos Recursos de Apoio á Inserción, tanto continuados como asistidos.

Traballamos mediante a realización consensuada co mozo ou moza dun Proxecto (individualizado) de Inserción Laboral (PIL), que o dote de estratexias e ferramentas de capacitación para a inserción laboral: formación en habilidades básicas (competencias necesarias para iniciar o seu proceso), formación (procurando que sexa innovadora tanto no seu contido como na forma de impartila) e itinerarios de inserción.

Un elemento esencial dentro do Programa Mentor son os Recursos de Apoio á Inserción (RAI). Estes configúranse como espazos de convivencia, liberdade, tolerancia e crecemento persoal, nun ambiente de apoio integral co obxectivo de alentar procesos de empoderamento na mocidade que participa mediante a aplicación dunha serie de ferramentas e coñecementos que teñen como meta a incubación social: conseguir que os mozos e mozas se convertan en cidadáns e cidadás reais, é dicir, persoas independentes e autónomas con plenos dereitos sociais, económicos e políticos.

Máis información: Programa Mentor

Pagina 1 de 11