Programa Mentor: os grandes logros das nosas mozas e mozos en 2016

Santiago, 20 de xaneiro de 2017 – Aprender a ser adulto, atopar un traballo, buscar un lugar para vivir, asumir todas as responsabilidades da vida independente… E enfrontarse a todo iso carecendo dun colchón familiar no que deixarse caer se as cousas non saen como esperas. Así é o horizonte da emancipación para a meirande parte das mozas e mozos tutelados que acompañamos desde o Programa Mentor. Neste ano que vén de rematar foron un total de 534 rapazas e rapaces.

África cumpre este mes os 18 anos. Igual que a maior parte da mocidade tutelada, medrou sen poder contar co apoio dunha familia. Agora mesmo o seu reto é rematar o Bacharelato e polo de agora, as cousas non van nada mal. Pero máis adiante, cando abandone o piso Mentor no que vive e deixe de estar ao noso carón, África terá que dar o seu particular salto sen rede: comezar a construír o seu futuro coa única axuda do seu propio esforzo.

Para ela e para calquera mozo tutelado, o ideal é encontrar un traballo antes de comezar a vida independente. Iso foi o que logrou Adrián, que se emancipou este ano despois de ter consolidado o seu posto de traballo como camareiro. Ou como Rosa e Catalina, que puideron mudarse ao seu propio piso coa garantía de levaren case un ano empregadas no sector da alimentación. Como Adrián, Rosa e Catalina, outros 110 participantes accederon a un emprego en 2016.

É tamén certo que en total se asinaron 229 contratos de traballo durante o ano, o que supón unha media de dous contratos distintos por persoa traballadora. A temporalidade segue a ser un obstáculo para a estabilidade dos nosos mozos e mozas unha vez emancipados.

Sábeo ben Saúl, que chegou a encadear este ano máis de 20 contratos distintos como operario de automoción. E tamén sabe que pode facer algo para mellorar este aspecto: seguir formándose para optar a un posto máis cualificado e menos eventual. Máis de 400 participantes do Mentor cursaron estudos ou ciclos formativos durante o ano pasado, principalmente ESO-Bacharelato ou Formación Profesional.

Historicamente, a taxa de abandono escolar prematuro entre a mocidade tutelada sempre foi moi elevada, en Galicia ou onde for. Moitas rapazas e rapaces chegan ao Programa Mentor despois de teren fracasado no ensino regrado, o que lles fai máis ardua a reincorporación a un novo proceso formativo.

Esta circunstancia, sumada á súa urxencia por encontraren un traballo, impide que a maioría deles e delas cheguen a cursar estudos superiores. Con todo, neste 2016 vimos a nove dos nosos mozos e mozas acceder a unha carreira universitaria.

É o caso de Cristian, que combina os seus estudos en Belas Artes cun traballo en hostelería que lle permite manterse autonomamente. E tamén de Carmen, que cursa o Grao en Educación Social. Nuns poucos anos, Carmen poderá pechar o círculo e axudar a outras persoas: será unha profesional máis, como as educadoras e educadores que a acompañaron a ela mentres se facía maior.