Santiago, 9 de xullo de 2012 – Xa é posible solicitar praza de admisión na segunda edición do Máster en intervención con menores e mozos que promoven Igaxes3, Fundación Trébol de Iniciativa Social e Universidade de Santiago de Compostela. O programa inclúe 350 horas de prácticas en entidades e asegura oito contratos laborais ao remate dos estudos para traballar en proxectos de apoio á independencia.

O Máster en Intervención e Emancipación de Mozos/as en Dificultade e Conflito Social está orientado a preparar para o acompañamento e o fomento da autonomía de mozos tutelados, ex tutelados, en garda, con medidas xudiciais e con problemas de absentismo escolar. O alumnado tamén aprenderá a xestionar recursos residenciais de apoio á independencia e adquirirá un amplo coñecemento do sistema galego de protección e reforma de menores.
Para o vindeiro curso 2012-2013, o Máster mantén a súa bolsa de emprego, que garante oito contratos de traballo ao remate dos estudos. Ademais, esta segunda edición presenta novidades relativas á oferta de prácticas. Das 594 horas prácticas totais, un total de 354 realizaranse en proxectos reais de apoio á independencia.
Ademais de se ofertaren prazas prácticas en proxectos de Igaxes3 e Fundación Trébol, na segunda edición tamén será posible realizalas en centros públicos de protección de menores, froito da colaboración da Secretaría Xeral de Familia e Benestar. Ademais, aqueles alumnos e alumnas que desexen realizar as súas prácticas fóra de Galicia, terán a oportunidade de facelo en entidades de acción social de Aragón, Baleares, Cataluña e Madrid.
As persoas interesadas poden formular preinscrición ata o 7 de setembro, de forma presencial, no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, localizado no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela.



