Igaxes3 presenta as súas experiencias de ‘peer mentoring’ no encontro de profesionais de FEPA

Barcelona, 14 de maio de 2012 - Estes días está a celebrarse en Barcelona o IV Intercambio de Profesionais da Federación Estatal de Entidades con Proxectos Asistidos (FEPA), da que Igaxes3 forma parte. Aquí participamos nunha mesa redonda dedicada a experiencias de mentoría e presentamos o noso proxecto de peer mentoring: mozos e mozas ex tutelados que exercen como titores de rapaces menores que residen nas nosas vivendas de autonomía.

De acordo con este proxecto, os rapaces titores, hoxe emancipados e habituados á vida independente, visitan os RAIs tutelados que Igaxes3 xestiona no marco do Programa Mentor. Alí teñen a oportunidade de compartir experiencias, escoitar, aconsellar e prestarlles apoio aos mozos que hoxe, día a día, se preparan para a emancipación e transitan polo mesmo camiño que os seus titores xa culminaron. Sobre esta experiencia falamos máis en detalle neste recente post.

A presentación tivo lugar no marco dunha mesa redonda dedicada por enteiro a experiencias de mentoría e titulada “O mentoring, un instrumento ao servizo da integración social da mocidade ex tutelada”. As nosas entidades compañeiras Punt de Referència e Servei Solidari presentaron tamén os seus programas Referentes –irmán maior do noso proxecto do mesmo nome- e Projecte Rossinyol, respectivamente.

Ao longo das dúas xornadas deste IV Intercambio de Profesionais de FEPA desenvolveranse distintos grupos de traballo, destinados á confección de novas propostas para a integración social da mocidade tutelada e ex tutelada.

O programa tamén abrangue un coloquio co psicólogo, educador e xornalista Jaume Funes e mais con Carme Montserrat, profesora e investigadora da Universitat de Girona que canda a Igaxes3 forma parte do Grupo Interuniversitario de Investigación en Emancipación de Mozos/as en Conflito Social.