ORGANIZACIÓNS E CONCELLO APOSTAN POLA COLABORACIÓN PARA CREAR UNHA REDE DE INSERCIÓN LABORAL EN COMPOSTELA

Santiago, 19 de xuño.- Un total de 15 entidades de iniciativa social do municipio de Compostela e a Concellería de Benestar Social veñen de asinar a creación da Rede de Inserción Sociolaboral de Santiago de Compostela que ten como obxectivo promover unha rede comunitaria de apoio para combater a desigualdade a nivel social, establecendo mecanismos de cooperación entre todas as entidades implicadas directa ou indirectamente na loita contra a pobreza e a exclusión social.

Esta aposta pola mellora común dos servizos pretende ser un reforzo ás accións que cada organización pon en marcha individualmente. Segundo indicou a titular de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, “queremos dinamizar e cohesionar a rede e cubrir os ocos que poidan deixar as propias asociacións”.

As entidades que conforman a rede son: Concellería de Benestar Social e Igualdade, representada polo Equipo de Inclusión Sociolaboral; Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD); Unidade Técnica de

Emigración; Confederación Galega de Persoas con Discapacidade; Cruz Vermella; Down Compostela; Federación de Asociación en Favor das persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA); Confederación

Española de Agrupación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES); Fundación Secretariado Xitano; Cáritas Interparroquial; Cáritas Diocesana; Asociación Para o Emprego e a Formación de Persoas con

Discapacidade (FSC INSERTA); Igaxes3; Plataforma polo Emprego; TP Galicia; e Federación de Asociacións de Persoas Xordas.