PERSOAS EN RISCO SOCIAL TERÁN MÁIS OPCIÓNS DE EMPREGO NA COMARCA DE VALDEORRAS

O Barco de Valdeorras, 7 de outubro de 2011 – A Asociación Empresarial de Valdeorras e Igaxes3, en representación do grupo Incorpora Galicia, asinaron onte o convenio Incorpora que promove Obra Social “la Caixa” para favorecer a contratación de persoas con dificultades de acceso ao traballo.

Asinaron o acordo o director de Igaxes3, Carlos Rosón, en representación do Grupo Incorpora Galicia; o Vicepresidente da Asociación Empresarial de Valdeorras, Santiago Melo; e o Director da Área de Negocio de “la Caixa”, Gonzalo Talegón. O convenio está destinado a crear novas oportunidades de formación e acceso ao traballo para persoas con dificultades para acceder a un emprego.

A Asociación Empresarial de Valdeorras reúne iniciativas empresariais dunha ducia de sectores produtivos da comarca. Asinando o convenio Incorpora, a Asociación fai unha aposta decidida pola responsabilidade social facendo posible a capacitación e contratación de persoas en risco de exclusión por parte das entidades asociadas.

Perante o empresariado asistente, Carlos Rosón quixo destacar que “as entidades de Incorpora Galicia non pedimos, senón que lles ofrecemos ás empresas a posibilidade de contratar persoas capaces de desempeñar un posto de traballo coma calquera outra”.

Como valor engadido, as entidades de Incorpora realizan unha prospección empresarial orientada a optimizar a formación das persoas que optan a un posto de traballo. “Ocupámonos de formar estas persoas dunha forma adaptada ás empresas para dar resposta ás necesidades laborais das mesmas”.

Máis de 700 insercións

Incorpora Galicia quere potenciar de xeito directo a capacidade de inserción das organizacións sociais que a integran. Para iso, a iniciativa quere contribuír á sensibilización social e á creación de oportunidades de traballo para persoas con dificultades de inserción.

Desde a súa posta en marcha, Incorpora Galicia facilitou 767 insercións laborais, grazas á colaboración de 503 empresas. Xa son 23 os convenios realizados con asociacións empresariais galegas e outros 135 os establecidos con empresas a título individual.

Financiado por Obra Social “la Caixa”, o programa está coordinado en Galicia por Igaxes3 e está integrada por outras catro entidades sociais: Fundación Érguete Integración, FEAFES, APES e Cruz Vermella de Ourense e Lugo.