MANITOS: TRABALLANDO POLO DESENVOLVEMENTO HUMANO CON MENORES TRABALLADORES EN PERÚ

Santiago, 13 de xaneiro de 2011 - Constituída en maio de 2010, a Rede GALA de Cooperación Técnica reúne a sete organizacións de Galicia e Perú dedicadas a distintos ámbitos da acción social. A rede quere ser un espazo para compartir experiencias e construír proxectos comúns no campo da cooperación, mantendo un vínculo permanente entre Europa e Latinoamérica.

No marco desta rede, Igaxes3 e CANAT son as entidades especializadas no traballo con menores en situación de risco. Ambas as organizacións funcionan como contrapartes co obxectivo de compartir coñecemento, experiencia e ferramentas educativas para mellorar e innovar nos modos de intervención con nenos/as e adolescentes.

Dentro desta liña común, a participación é un dos valores centrais de intervención para as duás entidades. Tanto Igaxes3 como CANAT apostan por implicar a todas as persoas participantes no deseño, posta en práctica e avaliación de cada unha das iniciativas que se emprenden.

Na periferia piurana

CANAT está radicada en Piura, a principal cidade do norte peruano. Ten medio millón de habitantes censados, aínda que a súa poboación real é moi superior xa que moitas persoas carecen de documento de identidade. A súa periferia é extensa, poboada principalmente por habitantes da serra emigrados á cidade, con índices moi elevados de pobreza e analfabetismo.

O traballo infantil é un fenómeno moi estendido: moitos nenos e nenas viven baixo a obriga de soster economicamente as súas familias, a tempo que financian os seus propios estudos de primaria ou secundaria.

É neste ámbito onde intervén CANAT mediante o seu proxecto Manitos, que se compón de dous programas paralelos: Manitos Creciendo e Manitos Trabajando. O primeiro está orientado a adolescentes e o segundo céntrase na infancia traballadora das zonas urbano marxinais de Piura e dos asentamentos próximos.

Manitos Creciendo

Esta vertente oriéntase á formación integral e á mellora das condicións de vida dos adolescentes que traballan. Está dirixida a mozos e mozas traballadores/as de entre 14 e 18 anos, que desenvolven a súa actividade laboral en condicións moi precarias ou, en ocasións, infrahumanas. No seu obxectivo de lograr o desenvolvemento integral das persoas coas que traballa, a formación laboral é un eixo imprescindible de Manitos.

A través da formación en diversos oficios (cosmetoloxía, cociña, mecánica, confección…) e a formación en xestión empresarial, preténdese que os mozos e mozas a adquiran os coñecementos e habilidades precisas que permitan dignificar as súas vidas.

O programa ten ademais unha liña de desenvolvemento persoal, creando espazos de encontro e fortalecendo os vínculos dos adolescentes coa súa familia e coa comunidade. A idea é alcanzar un desenvolvemento persoal axeitado para que os rapaces e rapazas se sintan iguais aos demais e exerzan como cidadáns activos e independentes.

Manitos Trabajando

Dedicado a menores de entre 6 e 16 anos, Manitos Trabajando intervén directamente pola conservación dos dereitos dos nenos e nenas traballadores. Ante o elevado risco de abandono escolar, o programa educa en habilidades escolares para reforzar a aprendizaxe no colexio. Tamén se desenvolven actividades deportivas, musicais e un Obradoiro de Produción no que se elaboran produtos que logo se venderán no mercado.

Paralelamente realízase un traballo directo cos pais de cada beneficiario, coa idea de mellorar a relación cos seus fillos e de aprenderlles a valorar a educación escolar. Esta toma de conciencia por parte da familia é indispensable á hora de traballar pola erradicación progresiva do traballo infantil.

Tarefas de sensibilización

Unha proba do éxito na capacidade de implicación de Manitos é a existencia, desde 2003, do grupo Proyección Juvenil (PJ). Este grupo está composto por antigos/as participantes de Manitos –os denominados egresados- que actualmente continúan colaborando coa organización no relativo á formación continua dos seus integrantes e á proxección á comunidade.

Os PJ son os responsables de todos os labores de sensibilización de Manitos: xestión das ludotecas, campañas de prevención de ETS, cine e teatro, obradoiros de desenvolvemento persoal e actividades de todo tipo. A través delas, o grupo funciona como o principal motor de Manitos para captar novos beneficiarios entre a infancia e a mocidade traballadora das áreas máis deprimidas de Piura.